Humberto Juanes

«Tras anos de tira e afrouxa entre o Concello de Nigrán e a Xunta de Galicia, nos que ambas administracións non deron resposta á petición da comunidade educativa de Nigrán, que solicita a elaboración dos menús escolares na cociña do CEIP Humberto Juanes, Somos Nigrán propón ao Concello de Nigrán a xestión directa da cociña escolar».

A creación dun convenio de colaboración interadministrativa, no que o Concello asuma a xestión e organización do comedor escolar, creando un bolsa de emprego para este fin, mentres que a Xunta achegue o financiamento correspondente para garantir a calidade no servizo, é unha opción real para desbloquear o uso da cociña escolar e acabar coas numerosas incidencias que durante anos provocou a xestión indirecta deste servizo.

«Unha e outra administración están a demostrar que priorizan as diferenzas políticas ao benestar dos nenos e nenas do municipio. Neste curso 2022/2023 remata a prórroga da licitación deste servizo, e é o momento no que as dúas administracións deben chegar a un acordo para que a cociña do CEIP Humberto Juanes dé un servizo de calidade a todos os centros educativos de Nigrán que así o requiran» manifesta Lucía Chamorro, portavoz de Somos Nigrán.