Arredor de cen persoas participaron este sábado no auditorio de Goián na xornada de presentación do ‘Son de Monte’, un proxecto de cooperación que busca o coidado e recuperación do monte galego coordinado polo GDR Limia-Arnoia (Ourense) e no que colaboran os grupos de desenvolvemento rural Mariñas-Betanzos (A Coruña), Montes e Vales Orientais (Lugo), EuRural (Pontevedra), Condado Paradanta (Pontevedra) e Seitura22 (A Coruña), a través da medida 19.3 do Programa de Desenvolvemento Rural de Galicia.

Seis territorios que por primeira vez darán seis visións diferentes adaptadas ás súas diversas realidades para enriquecer un proxecto en común que rematará coa posta en marcha dun espazo de debate, de manuais didácticos e de diferentes experiencias piloto. Tras 12 meses de traballo presentarase, posteriormente,  a Rede Galega de centros de información e promoción da cultura forestal, e que terá vocación de permanencia e ampliación a outros territorios.

A presidenta de Eurural e alcaldesa de Tomiño, Sandra González, salientou durante o acto de presentación a importancia das comunidades de monte “como parte fundamental da forma de entender e configurar o territorio, un potencial por descubrir tanto como concepto de propiedade como de autoxestión, xa que non pode haber nada mellor que xente xestionando os bens de xente”.

Pola súa banda, o presidente do GDR Limia-Arnoia e alcalde de Sarreaus, Gumersindo Lamas, afondou sobre a relevancia de poñer en marcha iniciativas como estas en superficies forestais expostas cada ano a incendios máis perigosos pola situación de abandono e o cambio climático e de “involucrar á mocidade porque son o futuro que deben manter a esencia do proxecto que estamos a levar a cabo”.

Diferentes aspectos da xestión do monte   

A orixe do proxecto situase en 2018 tras coñecer as recomendacións da Comisión Parlamentar polos Lumes Forestais de 2017 e que tanto afectaron ao sur da provincia de Pontevedra. O longo de 2021 e 2022 os grupos de desenvolvemento rural levarán a cabo experiencias piloto centradas en diferentes aspectos da xestión e recuperación do monte:

  • EuRural centrarase no apartado formador e didáctico coa creación de manuais e titoriais de coñecemento e respecto do monte dirixido ao alumnado de secundaria e bacharelato para achegar este eido á mocidade.
  • GDR Condado Paradanta levará a cabo estratexias de recuperación tras os lumes non só pensadas dende un punto de vista produtivo das áreas queimadas, senón tamén de concienciación e sensibilización da poboación, tendo en conta o transfondo dos incendios forestais.
  • GDR Mariña-Betanzos deseñará xunto á comunidade de montes de Xalo estratexias para a posta en valor de paisaxe e patrimonio cultural nesta zona forestal, servizos ecosistémicos que xa están a prestar estes espazos.
  • Seitura 22 traballará sobre un sistema agroforestal biodiverso integrado na paisaxe para o aproveitamento e multifuncionalidade dun monte moi amplo e cambiante.
  • GDR Limia-Arnoia levará a cabo unha actuación nunha superficie dunha hectárea na Reserva da Biosfera do Xurés coa posta en valor de especies como o carballo rebolo, o amieiro, o bidueiro ou o salgueiro que poida servir de espello para outros espazos.
  • GDR Montes e Vales Orientais recuperará searos e searas nos montes dos Ancares para a recuperación de cereal co que facer a palla para o teitado das pallozas típicas desta zona.

‘Son de Monte’ conta cun orzamento de 80.000 euros financiados ao 90% pola Xunta de Galicia a través da Consellería do Medio Rural, ao abeiro dos proxectos de cooperación da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Agader. Conta ademais coa colaboración do Concello de Tomiño, da Organización Galega de Comunidades de Montes Veciñais en Man Común e da Asociación Galega de Tracción Animal.

Charlas e saída de campo

Ademais de presentar o proxecto e as iniciativas nas que xa se están a traballar, a xornada completouse coa charla sobre organización do monte en Galicia e a súa funcionalidade a cargo de Xosé Alfredo Pereira, presidente da Organización galega de comunidades de montes veciñais en man común (OGCMVMC), e na que Rafael Alonso, presidente da CMVMC do Rosal explicou as iniciativas que se están a levar a cabo nesta comunidade de montes.

Os enxeñeiros de montes Alba Devesa e Antonio Soliño pecharon a mañá cun relatorio sobre a pegada de carbono e a compensación por emisións de C02. A xornada rematou cunha visita pola tarde ao monte de Pinzás, en Tomiño, onde os e as participantes coñeceron de primeira man a experiencia de diversidade produtiva sustentable que se está a levar a cabo neste monte comunal.