Susana Seivane

Sabendo Miradas”, “O Primeiro Baile”, “Sentirte, Amarte” ou “Papá Pum Pum” son algúns dos doce temas de “FA”, o último traballo discográfico que Susana Seivane presentaba en setembro do ano pasado, e que esta noite interpretará en Tui no concerto que ofrecerá a partir das 22.30 horas na rúa Compostela.

Trátase dun disco intimista, romántico e tenro inspirado nos sentimentos da súa maternidade. O seu título “FA” son precisamente as iniciais dos nomes dos seus fillos Fiz e Antón. Susana Seivane construíu a través deste temas unha paisaxe sonora na que están presentes as súas raíces con novos matices froito da súa madurez como compositora e instrumentista.

No concerto xunto a Susana Seivane estarán sobre o escenario Miguel González, saxo; Rubén Deschamps, guitarra e mandolina; Carlos Freire, batería e percusión tradicional e Iago Rodríguez, baixo eléctrico. Amais dos temas de “FA” repasarán tamén outros da súa longa carreira musical, todo nun espectáculo fresco e orixinal.

Restricións no Tráfico

Debido á celebración deste concerto de Susana Seivane, este sábado haberá restrición no tráfico na rúa Compostela. Así o tramo desta rúa comprendido entre a rúa Ourense e Mondoñedo estará pechado ao tráfico e ao estacionamento dende ás 8:00 horas até o domingo ás 8:00 horas. Amais, dende as 18:00 horas pecharase tamén o tramo da rúa entre cruzamento entre Mondoñedo e Betanzos.