O Grupo Municipal do Partido Popular reclama do goberno municipal tudense a limpeza urxente do Paseo Fluvial, en concreto do tramo entre o peirao de pescadores, na desembocadura do río Tripes, e o Centro Interfederado de Remo e Piragüismo. «Este tramo está sen rozar dende hai varias semanas, presentado un aspecto de desleixo que cómpre resolver de inmediato», sinalan os populares.

«O Paseo Fluvial é un lugar emblemático da nosa cidade e utilizado acotío polos nosos veciños e por moitos visitantes que se achegan á nosa cidade que, deste xeito, levan unha impresión de descoido dun dos nosos principais recursos turísticos que prexudica á imaxe de Tui», afirman.

O Grupo Municipal do Partido Popular de Tui reclama a urxente limpeza deste espazo de lecer da cidade e unha maior sensibilidade da acción do goberno municipal de cara ao futuro por estes lugares emblemáticos que deben estar en todo momento en condicións óptimas de coidado e limpeza.