Invisibles

A Axenda de Outono chega ao seu ecuador con teatro contra a violencia de xénero. De Redrum Producións, chega da man da Deputación, “Invisibles”, unha obra montada con historias reais de sete mulleres galegas vítimas de maltrato por parte da súas parellas. Tres actrices galegas (Mela Casal, Sheyla Fariña, Nieves Rodríguez) dan forma a esta peza dramática, baseada no libro homónimo de Montse Fajardo e con dirección de Marián Bañobre.

“Invisibles” é un espectáculo de creación colectiva, que presenta ante o público diversas historias cun fío común entre elas: a violencia de xénero. O seu interese reside na exposición de historias reais protagonizadas por mulleres galegas, historias sobre malos tratos, algunhas delas xa coñecidas polo público pola súa repercusión mediática. A pretensión fundamental é concienciar e sensibilizar con esta secuela que invade a sociedade.

“Invisibles” é un espectáculo para maiores de 12 anos, debido ao contido dalgunha das situacións que se presentarán no mesmo. Pódese dicir que é un espectáculo para público adulto, pero tamén cun gran interese para mozos en idade adolescente, xa que é precisamente nese rango de idade no que adquiren as súas personalidades e no que comezan as súas primeiras relacións de parella.

Con este espectáculo preséntanse dúas grandes reflexións: a inexistencia dun perfil típico entre as mulleres que sofren violencia de xénero e a invisibilidade dos agresores fronte á exposición das vítimas ante a sociedade. A compañía busca que o público desenvolva unha conciencia crítica e cuestione a realidade que o envolve para poder así transformala.

“Invisibles”, galardoada con tres premios María Casares, quere respectar e conservar a necesaria dimensión lúdica do teatro, pero aproveitando tamén a súa capacidade transformadora. Elenco artístico: Mela Casal, Sheyla Fariña e Neves Rodríguez.

A peza teatral integra o sete relatos de malos tratos do libro de Fajardo nun espectáculo no que hai drama, traxedia, ironía e mesmo algunha pincelada de humor, que a directora Marián Bañobre cre «necesario para que ou público sexa quen de afrontar a brutalidade destas historias reais».

“Baila, Roque, Baila”

O sábado 23 de novembro ás 18.00h, a compañía Baobab Teatro chegará ao 1º andar do Mercado Municipal, con “Baila, Roque, Baila”; un espectáculo de contos e teatro dinámico e participativo para toda a familia (recomendada para nenos e nenas a partir de 1 ano). Con dirección de Óscar Ferreira e Andrea Bayer, esta última axudará a Roque, un simpático personaxe, a bailar e contar historias. Roque fará rir, bailar e soñar ao público, nun espectáculo entrañable e divertido. Inicialmente prevista para o 27 de outubro, esta peza tivo que suspenderse por razóns alleas ao Concello, e chega agora ao mercado de Tomiño.

Concerto de Santa Icía

A Agrupación Musical de Goián, ofrecerá o xa tradicional Concerto de Santa Icía (patrona dos músicos) o sábado 23 a partir das 20.00 horas, no auditorio. Coma en anos atrás, durante o concerto presentarase aos novos integrantes que, tras anos de formación na escola de música e na banda xuvenil, pasan a formar parte da agrupación.