O grupo de Nigrán, Teatro do Ar, converteuse esta semana nun dos finalistas do premio Xuventude Crea que concede todos os anos a Xunta de Galicia para premiar a creación artística da xente nova. Premíase desta maneira a traxectoria artística dun grupo de rapaces e rapazas que dende que comezaron no teatro no colexio Arquitecto Palacios de Panxón non paran de crecer.

Teatro do Ar chega á final da categoría de teatro coa súa obra “Lume”, unha creación do seu director Pedro Rodríguez. Unha obra inspirada no “realismo máxico que nos rodea en Galicia”. Para o responsable do grupo este recoñecemento é unha “marabilla que nos animas a seguir soñando e contando historias con teatro”.

Agora, Teatro do Ar, representará a súa obra “Lume” en Santiago de Compostela, xunto a outros cinco grupos de toda Galicia. Alí, un xurado decidirá aos gañadores. Aínda que dende o grupo explican que “nós xa gañamos, agora imos a Santiago a pásalo ben”. A súa actuación será o próximo martes 27 de outubro no Salón Teatro da capital galega.

Dende Teatro do Ar tamén queren agradecer á música Lucía Doval a composición da banda sonora da obra, a Martina Mourelle e a Ana Isabel Barros pola creación de parte do vestiario. “Sen elas, tampouco estariamos onde estamos”.