O persoal do servizo de recollida do lixo e limpeza viaria do Concello de Vigo tomou hoxe as rúas da cidade na terceira xornada da folga indefinida iniciada o pasado domingo para reclamar un convenio colectivo digno.

Ao remate da manifestación, que transcorreu ao mediodía entre as oficinas de FCC -a empresa concesionaria- e o consistorio, unha representación do comité mantivo unha xuntanza con concelleiro responsábel do servizo, que se limitou a tomar nota das reivindicacións laborais.

O paro está a ter dende o primeiro día un seguimento do 100% e unicamente traballan os servizos mínimos en hospitais, residencias e mercados (oito persoas na quenda de mañá, tres na de tarde e oito na de noite, xunto cun mecánico por quenda).

En consecuencia, o lixo acumulado no exterior dos colectores comeza a ser visíbel xa en numerosas zonas da cidade. Con todo, a empresa segue sen poñerse en contacto coa representación sindical para intentar desbloquear o conflito.

A postura de FCC é absolutamente irresponsábel; teño estado en numerosas negociacións, pero unha intención de rebentar o acordo coma esta non a vivín nunca”, denuncia o presidente do comité, Suso Diz, da CIG.

O representante sindical amosou a total disposición da parte social a retomar as conversas , “polo que interpelamos ao Concello, que é quen lle paga á empresa, para que a inste a negociar, pero nuns termos razoábeis e non de chantaxe”.

Neste senso, quixo deixar claro que a concesionaria non pode dicir que o negocio non é rendíbel “cando é unha transnacional que acaba de facer públicos beneficios de milleiros de millóns de euros”. E lamentou que a política de FCC sexa “que nós nos baixemos os salarios para que eles sigan a gañar máis diñeiro”.

De feito, propón unha suba de soldos que está moi lonxe do IPC, como reclama a parte social: 0% para este ano, 1, 5% para 2027 e 2028 e 2% en 2029, e sen revisión salarial, o que suporía que as nóminas se incrementarían moi por debaixo do que o fai o custe da vida.

A oferta empresarial tampouco consolida a xubilación parcial, “xa que esta sería sen dispensa, polo que de facto iríamos até os 63 anos e medio e non aos 63 co 100% da prestación como na actualidade, que é un dereito que temos consolidado en convenio dende hai 20 anos”.

O Concello, pola súa banda, moveu hoxe ficha e púxose en contacto co comité durante a mobilización para manter unha xuntanza ao remate.

Mais o concelleiro responsábel do servizo, que recibiu a unha representación de cada organiza sindical, limitouse a anotar as reivindicacións laborais, tal e como explicou o presidente do comité.

Finalmente, Diz anunciou a celebración dunha nova asemblea na nave da empresa, na estrada de Camposancos, hoxe ás 22:00 horas, na que se sortearán os servizos mínimos e se decidirán as próximas mobilizacións, aínda que dende o comité xa adiantaron a súa intención de propoñer unha nova manifestación para este mércores día 27.