O programa Vilas en Flor, organizado pola Fundación Juana de Vega, a Asociacion de Viveristas do Noroeste (Asvinor) e a Asociación Galega de Empresas de Xardinería (Agaexar), suma xa 15 concellos.
Aos cinco da primeira edición –Allariz, Chantada, Caldas de Reis, Betanzos e Ortigueira– súmanse este ano outros dez: Culleredo, Mondoñedo, Portomarín, Tomiño, Ponteceso, Salvaterra, A Guarda, Cuntis, Carballiño e Baiona.
Vilas en Flor Galicia é un programa anual que recoñece en forma de galardóns, chamados Flores de Honra, a traxectoria e as accións levadas a cabo polos municipios galegos na mellora e potenciación dos espazos verdes urbanos, a súa xestión sustentable, a educación ambiental e a concienciación cidadá no coidado da contorna.
Vilas en Flor é unha iniciativa de ASVINOR (Asociación de Viveristas do Noroeste), AGAEXAR (Asociación de empresas de xardinería de Galicia) e da Fundación Juana de Vega cuxos obxectivos son promover a protección, mellora e posta en valor dos espazos verdes nos municipios de Galicia e contribuír con iso a mellorar a calidade de vida dos seus habitantes e a súa cohesión social; mellorar a imaxe dos municipios e os seus encantos para visitantes e turistas; xerar espazos de formación, reflexión e debate ao redor da xestión sustentable dos pobos e cidades; promover os espazos verdes como punto de encontro de relacións sociais interxeracionais; e mellorar a conciencia social cara ás políticas de sustentabilidade ambiental e potenciación dos espazos verdes urbanos.