Salón de plenos de Tomiño

O pleno do Concello de Tomiño aprobou en sesión ordinaria e por unanimidade, a proposta da Alcaldía para a creación dunha Unidade de Saúde Mental (USM) de ámbito comarcal, que daría atención no centro ambulatorio de Tui, a unha poboación de case 50.000 habitantes.

“Solicitar  á Xunta de Galicia, que se desenvolva a USM Baixo Miño, ubicada no centro de saúde de Tui, onde se dispón de espazo suficiente para a instauración da citada unidade, que dará atención a 49.646 habitantes dos concellos de Oia, A Guarda, O Rosal, Tomiño e Tui, e dotada cun mínimo de dous médicos/as psiquiatras, un psicólogo/a e un enfermeiro/a” é o texto que obtivo a aprobación unánime da corporación, formada por 11 concelleiros/as do BNG; 4 do PP e 2 do PSG-PSOE.

Segundo describe o documento aprobado, “non existe unha atención suficiente e eficiente para os pacientes de saúde mental da Mancomunidade do Baixo Miño, xa que os pacientes teñen que desprazarse a Vigo para ser atendidos, coa sobrecarga que isto supón para as unidades de saúde mental de Vigo…os datos son obvios e cotexables no estudo sobre prevalencia en Saúde Mental en Galicia do SERGAS, segundo o cal… dúas de cada tres persoas con enfermidade mental grave non acudiron no último ano do estudo a ningún servizo de saúde”.

A petición non é nova xa que no ano 2003, a Mancomunidade do Baixo Miño acordou, por unanimidade, apoiar a proposta da asociación “Avelaiña”, para a creación dunha unidade de saúde mental na comarca. Dezasete anos máis tarde -coma explica a proposta aprobada en pleno-  o Baixo Miño segue sen ter unidade de saúde mental, converténdose cada ano en máis urxente e necesaria, xa que ás necesidades de atención en saúde mental, súmanse dificultades propias da zona, coma a dispersión xeográfica, os problemas de transporte, o impacto da crise económica, o uso de novas drogas e/ou alcohol, a sobrecarga e falta de familiares de apoio, etc.

“O que fai máis necesario que nunca, a existencia de atención de proximidade que garanta a adhesión aos tratamentos, o seguimento e a participación social das persoas afectadas, así coma un soporte ás familias coidadoras, especialmente dos que residen en zonas rurais e máis aloxadas dos recursos de apoio”, comentan.

As unidades de saúde mental de Cangas e Val Miñor, son xa unha realidade dende hai tempo, e a do Condado/Paradanta, ten dado os pasos para a súa creación. “Aínda estando dentro do mesmo Plan Estratéxico (2006-2011), a USM do Baixo Miño permanece pendente e sen que exista data para o inicio da súa implantación”, reza a proposta da alcaldía baixo Miñotomiñesa. “Asemade -continúa-  mantémonos á espera da creación dun novo Plan Estratéxico de Saúde Mental, que se está a desenvolver neste momento; no que, supoñemos, se volverá a ter en conta a necesidade existente de esta poboación, que a todas luces se atopa en situación de esquecemento e desatención, sendo esa propia inaccesibilidade dos cidadáns o que provoca o agravamento deste tipo de patoloxías”.