venres de foliada tomiño

O desfile de Entroido “Venres de Foliada 2019” encherá as rúas de Tomiño na noite do 1 de marzo, a partir das 21.30 horas no núcleo do Seixo.

Unha trintena de comparsas serán as protagonistas deste especial desfile, un dos máis multitudinarios da comarca.

Máis de 1.500 persoas chegadas dende distintos puntos da provincia, percorrerán as céntricas rúas tomiñesas, marcándose, coma vén sendo habitual, a saída no colexio Pedro Caselles.

Entre as comparsas que formarán parte do gran desfile, hai varias de Tomiño, entre elas, Estrelas da Noite, Revolución Show, Luces de Tomiño, Ciklón e Asociación Veciños O Árbol. En caso de choiva aprazase para o seguinte venres.

Entroido Goián:

Pola súa banda, a parroquia de Goián, celebrará entre o 2 e o 6 de marzo o seu Entroido. A tradición impregna esta festa, que aínda conserva un profundo sabor popular.

A Asociación de Entroido de Goián, en colaboración co Concello de Tomiño, a Deputación de Pontevedra e a Comunidade de Montes de Goián, comeza a traballar tras o verán, coma cada ano, para poder ter todo a punto. O Entroido de Goián converteuse nos últimos anos nun evento de bastante afluencia de público, logrando conxugar novas ideas con elementos tradicionais; secreto do éxito desta singular celebración.

O de Goián é un entroido especial moi coñecido na zona pero non multitudinario, polo que a festa conserva un xenuíno carácter popular. Non se sabe certamente cando comezou a celebrarse, pero hai publicacións de xornais da zona que dan fe da súa existencia a principios do século XX. Nos anos da Guerra Civil e Postguerra desapareceu, aínda que din que algúns veciños seguían disfrazándose ás agachadas. A principios dos anos cincuenta empezou a celebrarse de novo, co nome de “Festas de Primavera”. Outra nota característica desta celebración é que a mesma non depende so da comisión organizadora, senón que é practicamente todo o pobo o que participa colaborando nas distintas tarefas que é mester realizar, aparte das carrozas e disfraces.

Juan Sousa Oliveira, “Carolo” é o presidente da asociación organizadora, aínda que leva máis de 20 anos na directiva. Xunto a Pepa, Javier e Serafín, levan a maior parte do peso da organización. Lembran con moito cariño a José Piñeiro e a Jaime, o anterior presidente. O primeiro facía ás veces de xefe de cociña e animaba moito ao persoal. “Gustáballe cantar, contar chistes…e estaba metido en todo, era a alma da cociña”, lembra Pepa Fernández, do Bar Avenida, membro da directiva dende hai moitos anos, precedida polo seu pai, Laureano, o zapateiro.

Ás máis de 20 comparsas que participan no desfile do martes, pode unirse calquera outra, de calquera pobo ou cidade que o desexe. “Non é certo que so poidan participar comparsas de Goián”, aclara o presidente.

Unha vintena de persoas axudan na cociña para realizar a sopa e o cocido, baixo a capitanía de Lucía e Alfredo, e Rosendo e Jandi, encargados de colar a auga para que non vaian achas desprendidas dos ósos. Estes cociñeiros encabezan ademais o desfiles do martes, cos seus traxes lavados e repasados.

Para recadar fondos axúdanse cunha laconada que organizan cada ano, achegas xenerosas da xente do pobo e venta de rifas; o premio tamén é moi orixinal: un porco, ou ben, o seu equivalente en metálico (300 euros).

“A pedida”, casa por casa. O sábado, 2 de marzo, arranca a festa cunha das tradicións con máis arraigo na zona. A partir das 9.30 horas veciños e veciñas acompañarán ás bandas de gaiteiros percorrendo as rúas para facer “a pedida”.

Esta práctica permite recadar fondos para celebrar a festa, pero co paso dos anos, o que comezou so coma unha parte previa e necesaria á celebración, converteuse nunha peza con entidade propia na que cada veciño convida con algo á comitiva, ademais de colaborar con carne de porco, chourizas, touciño, patacas e o que faga falla para o gran cocido, facendo acopio dos ingredientes que irán a parar a enorme perolas.

Domingo de carretillas. O domingo é un dos días grandes, xunto ao Martes de Entroido. Co fin de animar unha xornada que antano quedábase un pouquiño parada, a comisión pensou nesta divertida competición/xogo.

Sobre o mediodía, celébrase o desfile de disfraces dos nenos e nenas, e pola tarde a Carreira de Carretillas, que este ano cumpre a súa novena edición. Tras as probas, cómense os exquisitos “torresmos”.

A Sopa de Entroido, gratis, para todos os presentes e desfile de comparsas. Goián vive con ilusión o día máis importante do Entroido, o martes co tradicional desfile de carrozas e comparsas que cada ano reúne centos de persoas. O máis característico da xornada é o costume de repartir entre todos os presentes a sopa do cocido, de balde. Unha boa forma de quentar o corpo e retomar forzas para continuar coa verbena a partir das 21.00 horas. Os tres primeiros cualificados reciben premio (un xamón e 30 euros). Para conceder os premios non hai un xulgado, senón que son os propios fregueses os que votan libremente nunhas urnas colocadas ao efecto.

O adeus á Taíña. Co Miño sempre de protagonista, o tradicional enterro da sardiña que se produce noutros municipios cambia en Goián para despedir á Taíña, unha especie de pez característico das augas doces. O mércores, día 6 de marzo, uns pasarrúas acompañará ao enterro para despedir un ano máis o Entroido, tamén con fogos artificiais.

Durante todos estes días, hai animación musical con treboadas da zona e grandes verbenas.

Programa

Sábado 2 de marzo:

  • Ás 9.30h, as treboadas “O Trebón dos Xidos” e “ Muimenta de Sobrada” percorrerán as rúas da parroquia para facer “a pedida’ e recoller algunhas das cousas que se empregarán ao longo dos cinco días de celebración.

Domingo 3 de marzo:

  • Ás 12.00h, desfile de disfraces dous nenos e nenas da parroquia.
  • Ás 17.00h, a 9ª Carreira de Carretillas, amenizada pola charanga “Vaya Panda”, con premios á mellor tuneada e aos mellores disfraces.
  • Ás 22.00h, verbena cos grupos América e Lasser.
  • Á 01.00h, premios aos mellores disfraces.

Luns 4 de marzo:

  • Ás 17.00h, baile infantil de disfraces. Centro Goianés.
  • Ás 22.00h, Gran Verbena con Charleston Big Band e Nuves.

Martes 5 de marzo:

  • Ás 17.00, tradicional desfile de carrozas e comparsas pola Avenida Ordóñez.
  • Ao final do desfile sopa entre todos os asistentes, tanto participantes como público. Amenizado pola treboada “O Trebón dos Xidos”.
  • Ás 21.00 horas, verbena amenizada pola orquestra “Ritmo”.

Mércores 6 de marzo:

  • Ás 19.00h Tradicional Enterro dá Taíña, con pasarrúas e fogos artificiais. O torreiro de festas estará cuberto por unha gran carpa.

Por outra banda, a Asociación Xuvenil Taíña organiza a 16ª edición do xa tradicional Festival Taíña, que terá lugar o sábado 2 de marzo pola noite, na praza de Goián. “Flow do Toxo (rural rap/trap); “Tecor Societario” (punk/folk) e “O puto coro do exército froilanista” (monarko/punk) son os grupos convidados este ano. “Sapoconcho sem poncho” (balkan/cumbia/tropical bass) serán os resi da after party. A Asociación Xuvenil Taíña conta coa colaboración da Comisión de Entroido e Comunidade de Montes de Goián e Concello de Tomiño.