O Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Tomiño, que dirixe Ana Fernández Carrera, vén de por en marcha unha campaña de Nadal para o fomento do uso do idioma galego no municipio. A mesma consiste na entrega en todos os comercios de etiquetas adhesivas, para que os comerciantes as coloquen nos paquetes dos agasallos.

Os adhesivos, con brillo e a toda cor, teñen tres modelos diferentes con lemas que permiten que se empreguen en calquera época do ano: “Parabéns”, “Cos mellores desexos”, “Agasallo xenial para persoa especial”, etc.

Foi a  concelleira de Normalización Lingüística quen as repartiu polos diferentes comercios de Tomiño e Goián. “Temos que salientar que a campaña tivo moi boa acollida por parte dos comerciantes, o que nos anima a seguir traballando nesta liña. Esperamos que este sexa o principio dun longo traballo a prol da lingua galega, que non vive os seus mellores momentos,  debido á perda continuada de falantes”, explicou Fernández Carrera.