O Goberno local de Tomiño segue dando pasos cara adiante no proceso de transformación do modelo urbano do municipio, un novo modelo que busca a recuperación de espazos públicos dos núcleos urbanos das parroquias pensando nas persoas.
Neste sentido, o Concello de Tomiño vén de comezar nestes días as obras de remodelación da contorna da Igrexa parroquial de San Xoán de Amorín, que se converterá nun punto de encontro neurálxico da parroquia e que funcionará como lugar de convivencia da veciñanza.
Coa remodelación do núcleo do Seixo como referencia, con estas obras o Concello aposta por “recuperar os espazos públicos das parroquias, accesibles e pensados para os veciños e veciñas, creando lugares pensados para que a xente camiñe, pasee, desfrute…. e sempre dando prioridade ás persoas maiores, aos nenos e nenas e ás persoas con discapacidade. Estas obras suporán un antes e un despois non soamente na parroquia de Amorín, senón en todo o concello de Tomiño”, como salienta a alcaldesa da vila, Sandra González.
Proxecto de humanización de Amorín
O espazo público anexo ao adro que se está a remodelar, alberga na actualidade un palco de música e un cruceiro e atópase pavimentado con aglomerado asfáltico, usándose como aparcadoiro e sen ofrecer seguridade suficiente para a veciñanza. Neste espazo hai ademais, nove plátanos de gran porte, árbores que, xunto coa igrexa, o cruceiro e o palco, cualifican a contorna.
O obxectivo da intervención é, coma xa sucedera no casco urbano de Tomiño, xerar un ámbito espacialmente atractivo, que invite á xente a utilizalo dun xeito seguro e accesible, potenciando así as actividades lúdicas e sociais e poñendo en valor a arquitectura e o espazo público. Cun orzamento total de 180.000 euros, as obras alcanzan uns 2400 metros cadrados e foron adxudicadas á empresa Construcciones Castro S.L.