Tomiño instala detectores de fume domésticos en domicilios de persoas maiores e dependentes

O Concello de Tomiño comezou nestas semanas a instalación de 400 detectores de fume en domicilios de persoas usuarias dos servizos de Axuda no Fogar ou Teleasistencia. Os dispositivos son colocados por persoal municipal, para evitar aos beneficiarios un gasto a maiores.

Os 400 detectores de fume domésticos foron achegados polo Consorcio Provincial contra Incendios e Salvamento, enmarcado no proxecto europeo ARIEM 112, no que participan a partes iguais, Xunta e Deputación, para dar resposta a estatísticas que indican que o 75% das vítimas producidas en vivendas, son menores de 5 anos ou anciáns maiores de 65 anos, polo que “un detector de fume adecuadamente instalado no fogar dobra as posibilidades de saír con vida dun incendio”, explica a concelleira de Benestar, Cristina Martínez.

Deste xeito, a entrega dos detectores faise “casa por casa” e vai acompañada dunha labor de concienciación dirixida ás persoas maiores, que viven soas ou están en situación de dependencia, explicándoselles no momento da instalación, o funcionamento e mantemento do dispositivo.

A entrega de detectores de fume, no marco do proxecto europeo de cooperación en materia de emerxencias transfronteiriza ARIEM 112, é unha política de prevención destinada á poboación maior de 65 anos, persoas que viven soas ou dependentes, que necesitan unha maior seguridade que o resto da cidadanía.