Tomiño invierte más de 120.000 euros en diversas obras

O Concello de Tomiño vén de resolver o procedemento de contratación para levar a cabo o Plan Municipal de Mellora de Asfaltados da vila, que contempla a realización de obras de mellora en 28 camiños rurais de once parroquias do municipio e que contará cun investimento de 327.000 euros a cargo do Plan Concellos.

A intervención comezará a finais de xaneiro ou principios de febreiro e consistirá, fundamentalmente, en repoñer e mellorar a capa de rodadura de estradas e camiños, colocar en cota as tapas dos sumidoiros e ampliar a rede de recollida de augas pluviais con novas canalizacións, segundo as necesidades de cada lugar.

A licitación foi adxudicada de forma provisional á empresa COVSA, pendente da formalización do contrato. En total sete empresas presentaron sete ofertas para optar ao procedemento de contratación dos asfaltados destes camiños en Tomiño.

Segundo explica o concelleiro de Vías e Obras, Francisco Campo, a maior parte das obras de arranxo da base de rodaxe dos camiños vén motivada polo deterioro e polas malas condicións nas que quedaron algunhas rúas tras as obras de acometida, abastecemento, saneamento, recollida de pluviais, senda… que foron realizadas anteriormente en zonas como o barrio da Rocha.

Todas estas obras teñen como finalidade melloras nas condicións de mobilidade, accesibilidade e circulación nas distintas rúas e camiños de Tomiño, co conseguinte incremento da seguridade vial para peóns e automóbiles.

Por outra banda, investíronse case 40.000 euros na construción de lombos de redución de velocidade na zona de Vilachán.