O Concello de Tomiño ten previsto por en marcha no 2020 a segunda fase do Plan Revitaliza, subvencionado na súa meirande parte, pola Deputación de Pontevedra, co fin de alcanzar o 100% da compostaxe da materia orgánica xerada no municipio.

Con este propósito, a concelleira de Medio Ambiente, Ana Belén Casaleiro, vén de realizar no último mes sendas visitas a concellos pioneiros no tema coma Mondariz, Mondariz Balneario, As Neves e Vilaboa, co gallo de estudar as distintas posibilidades na posta en marcha da mellora na xestión do lixo.

Dentro do marco desta actuación (Plan Revitaliza Liña 2), estase a traballar para posibilitar a compostaxe para toda a cidadanía de Tomiño. Nos cascos urbanos (O Seixo e Goián), estúdanse as posibles localizacións de novos composteiros comunitarios, e para as vivendas con terreo, prevese a entrega duns 3000 composteiros individuais.

De igual forma, en relación á fracción verde, restos de poda dos xardíns particulares, estanse a valorar diversas opcións para atopar a solución máis eficiente posible. “O concello é consciente da dificultade da xestión deste residuo, dada a dispersión da poboación e a dimensión da acción prevista”, explica a concelleira.

Os concellos visitados, que foron os primeiros da provincia en implementar o mesmo programa de compostaxe, expuxeron in situ as súas experiencias ao equipo de Medio Ambiente do Concello de Tomiño, acompañado por outros concelleiros e concelleiras interesados. “A valoración do departamento de Medio Ambiente do concello de Tomiño destas visitas é moi positiva, xa que descubriron distintos sistemas loxísticos para a xestión e tratamento da fracción verde”, apunta Casaleiro.

Informáronse tamén sobre un sistema descentralizado, que consiste na instalación de puntos verdes en cada parroquia con trituración dos restos de poda de forma periódica; e doutro centralizado, no que a veciñanza deixa os restos verdes nun único punto de depósito, onde se acumulan para a súa posterior trituración.

Por último, comprobaron o funcionamento do sistema de préstamo de trituradoras á veciñanza, para dar a opción de triturar en cada vivenda as súas podas e reducir ao mínimo o desprazamento dos residuos.

“Unha vez coñecidas as vantaxes e desvantaxes dos distintos sistemas experimentados por estes consellos visitados, o Concello de Tomiño deberá estudar cal será a mellor solución para o territorio, dada as súas características”, comenta a concelleira.

Reunión con toda a corporación

O Concello de Tomiño, a través da Concellería de Medio Ambiente, convocou unha reunión con toda a corporación para que os técnicos do Plan Revitaliza, da Deputación de Pontevedra, explicasen aos concelleiros e concelleiras o alcance do desenvolvemento do programa. Á reunión, que tivo lugar o pasado martes, asistiron a alcaldesa, a concelleira de Medio Ambiente e o equipo de técnicos do departamento.