dav

O Concello de Tomiño porá en marcha o vindeiro venres, 9 de novembro, o programa socio-educativo “Medrando en Familia”, co obxectivo de influír no benestar dos máis cativos, a través dun proxecto de intervención socio-comunitario, centrado prioritariamente nas familias con menores de 6 anos.

Os dous primeiros obradoiros, “Medrando e xogando” e “ Xogando e explorando”, comezan o vindeiro venres, 9 de novembro na Escola Infantil do Seixo; de 16.30 a 18.00 horas o primeiro, e de 18.30 a 19.30 horas o segundo.

O primeiro deles está dirixido a familias con bebés de 10 a 18 meses, e o segundo a familias con nenos e nenas de entre 19 e 36 meses, que traballarán temas de psicomotricidade, autonomía, confianza, etc.

O seguinte venres, 16 de novembro, ás 17.00 horas, comezará o terceiro obradoiro, “Medrando co meu bebé” de aprendizaxe motora, para familias con bebés de 3 a 9 meses.

Por outra banda, o luns 26 de novembro celebrarase a charla “Cos xoguetes non se xoga”, a cargo de Noelia Comesaña Rodríguez, psicóloga e psicoterapeuta familiar. Será na Casa da Cultura, ás 18.00 horas e haberá servizo de canguros, sendo necesario inscribirse previamente (Departamento de Benestar. A Rocha, 8.Teléfono 986 622 001; benestar@tomino.gal).

Por último, o programa propón unha sesión de teatro interactivo, con “Minia convídate a xogar”, dirixida a menores de 6 anos. Será o domingo 16 de decembro ás cinco da tarde na Casa da Cultura (aforo máximo 30 familias, polo que é necesario inscribirse previamente).

O programa, cofinanciado pola Obra Social La Caixa, abrangue tres áreas de intervención: espazos de encontro de carácter grupal, nos que abordar inquedanzas colectivas; obradoiros de traballo en familia, e intervencións individualizadas no entorno familiar.

A concelleira de Benestar, Cristina Martínez, explica que o obxectivo é “estimular o establecemento de pautas básicas no eido familiar, fomentando hábitos positivos de comunicación e interacción entre nais, pais e fillos ou fillas. “Consideramos que a través deste proxecto socio-educativo, centrado na estimulación temperá, podemos detectar e traballar, de maneira coordinada coa familia, dotándoa de recursos para previr a exclusión social, a pobreza educativa infantil, etc.”.