Unhas Letras Galegas on line baseadas na participación cidadá, é o que procura o Concello de Tomiño, para celebrar esta data tan importante sen permitir que o confinamento sexa un obstáculo.

Dentro da campaña de conmemoración desta festividade, foron recollidas centos de palabras escritas en galego pola veciñanza tomiñesa nas redes sociais do Concello; palabras relacionadas coa cultura galega, as tradicións, a forma de vida, etc.

Pois ben, agora é o momento de votar as 20 palabras que máis gusten a cada persoa (pódese votar como mínimo unha e como máximo vinte palabras na páxina web do Concello). Co resultado, as palabras máis votadas serán estampadas en “tote bags”, bolsas de tecido 100% algodón. Haberá 5 modelos diferentes que se repartirán, de balde, durante o mes de maio. A data límite para votar é o 8 de maio.

Por outra banda, a Oficina Municipal de Información Xuvenil (OMIX) organiza o xa tradicional concurso de deseño da camiseta do Día das Letras Galegas 2020. O deseño é libre e aberto pero, loxicamente, terá que ver coa lingua galega. Valorarase un deseño atractivo e orixinal, inspirado e relacionado coa promoción e posta en valor do galego.

Estará destinado unicamente á parte dianteira da camiseta, que será de cor branca, e debe incluír só unha cor. Poden participar mozos e mozas de 12 a 35 anos. O premio será un par de camisetas serigrafiadas co deseño gañador, un lote de libros e un par de tote bags.

Está aberto o prazo de inscrición para o obradoiro online de música crítica, destinado á mocidade de 14 a 25 anos. O obxectivo principal deste obradoiro é que a mocidade teña información dos contidos da música “de moda”, tanto nas letras, coma visualmente nos videoclips, e dos valores que fomentan as principais estrelas desta industria, relacionando eses contidos coas consecuencias no desenvolvemento persoal e social.

Tamén abordarase o papel hexemónico que representa esta industria “mainstream” na sociedade. Despois de desgranar esta realidade, falarase de alternativas contraculturais, e de porqué non están respaldadas desde as principais plataformas comerciais. Trataranse exemplos de discursos musicais onde se fomentan valores positivos e daranse ferramentas para impulsar unha iniciativa, entre a mocidade participante, para construír cancións onde podan expresar libremente discursos máis axeitados e acordes a súa realidade, con ritmos dos estilos máis escoitados actualmente entre a rapazada (trap e reggaeton).

Este cursiño on line terá lugar o xoves 14 de maio ás 18:00h., cunha duración total de dúas horas e media. A inscrición é de balde e pode formalizarse tamén accedendo á páxina web do Concello.

Por outra banda, as familias con fillos ou fillas de 0-12 anos, poden solicitar ao Concello material para realizar actividades na casa.

Poden seguirse as actividades programadas nas redes:

FACEBOOK

INSTAGRAM: @omixtomino