O programa “Medrando en Familia”, organizado polo departamento municipal de Benestar, terá este domingo a súa derradeira entrega coa obra de teatro interactivo “Minia convídate a xogar”.

A sesión, con aforo máximo de 30 familias, celebrarase na Casa da Cultura, polo que é preciso anotarse previamente.

Dirixida a familias con nenos de até seis anos de idade, comezará ás 17.00 horas. Trátase dun taller de teatro interactivo que pecha o programa “Medrando en Familia 2018”, no que tamén houbo tres obradoiros e un encontro.

A concelleira de Benestar, Cristina Martínez, fai un balance moi positivo desta actividade, que contou cun moi bo nivel de participación por parte da cidadanía. A finalidade do programa é estimular o establecemento de pautas básicas no eido familiar, fomentando hábitos positivos de comunicación e interacción entre nais, pais e fillos ou fillas. “Consideramos que a través deste proxecto socio-educativo, centrado na estimulación temperá, podemos detectar e traballar, de maneira coordinada coa familia, dotándoa de recursos para previr a exclusión social, a pobreza educativa infantil, etc.”, explica a concelleira.

Para máis información e inscricións, dirixirse ao Departamento de Benestar, no barrio da Rocha; chamar ao teléfono 986 622 001, ou ben, enviar unha mensaxe ao correo electrónico benestar@tomino.gal