Tomiño tinguirá de negro á Praza do Seixo contra a violencia machista
Facha do Concello de Tomiño "vestido de negro"

A Oficina Municipal de Igualdade do Concello de Tomiño convoca á cidadanía á “Concentración e Lectura do Manifesto Contra A Violencia Machista”, o vindeiro venres, 23 de novembro, ás 20.00 horas, na Praza do Seixo.

A acción encádrase dentro da campaña “En Negro contra as violencias 2018”, á que Tomiño se suma por segundo ano consecutivo. Dende o Concello, piden á cidadanía acudir vestida de negro, con paraugas da mesma cor, de xeito de “tinguir a Praza do Seixo de negro”, co fin de conmemorar o Día Mundial contra a Violencia de Xénero (25 de novembro).

Durante os meses de outubro e novembro, dende a Oficina Municipal de Igualdade, fóronse perfilando as distintas accións da campaña deste ano, contactando individualmente con establecementos da vila, de forma de lograr a maior implicación cidadá.

A alcaldesa Sandra González, convida á veciñanza a acudir este venres vestida de negro e indica que deste xeito, “renovamos o noso compromiso con esta acción colectiva e transversal para a sensibilización social contra as violencias machistas, que implica a participación activa, baixo a coordinación do Concello, da poboación e do tecido económico e social”.