Este sábado, 8 de setembro, terá lugar a terceira visita do programa “Tralas pegadas do tempo” organizado pola Concellería de Cultura e Patrimonio do Concello de Tui. En concreto será aos “Petróglifos de Rachadón e mámoas de Chan do Tetón”. O punto de encontro será o adro da igrexa de Malvas ás 20.30 horas. Previa a visita aos petróglifos realizarase unha actividade de graffitis prehistóricos.

Trátase de petróglifos naviformes e as mámoas onde se enterraba aos antepasados hai 6 mil ou 7 mil anos, cuxa importancia radica en que foi a primeira vez que o ser humano cambia a paisaxe de forma permanente, trátase das primeiras construcións monumentais do ser humano en Galicia. A duración estimada da visita é de dúas horas e media.

A derradeira visita terá lugar o sábado, 15 de setembro, cunha visita ás “Mámoas de Chan Longa e ao recinto amurallado do Monte Aloia”. O punto de encontro será ás 20.30h o aparcamento próximo á capela de San Xiao no Aloia.

As visitas terán un cupo de 50 persoas e será preciso inscribirse a través do whatsapp 610 70 34 88. En caso de inclemencias meteorolóxicas ou alto risco de incendios serán adiadas.