Tres centros de Primaria e Infantil de Tomiño acoden á novena edición de Educarte 2019, mostra de arte infantil e xuvenil incluída este ano na senda da Eurocidade Tomiño-Cerveira.

Os colexios de Sobrada, Goián e Tomiño (Pedro Caselles) asisten cos seus traballos, á exposición coñecida na zona coma a “Bienal dos Pequeninos”, e inaugurada esta mañá coa presenza de autoridades de ambos os municipios fronteirizos.

Vila Nova de Cerveira, tamén coñecida coma “Vila das Artes”, volve a impulsar unha edición máis de EDUCARTE, no Salón Multiusos do Cineteatro de Cerveira, dende hoxe até o 1 de xuño.

A IX edición asume unha maior internacionalización, coa presenza de 952 traballos de 14 escolas de cinco países, nun total de 5.000 alumnos e alumnas.

Coa intención de desenvolver competencias, habilidades e talentos nas áreas artísticas, nunha perspectiva de inclusión, Vila Nova de Cerveira, coa colaboración das escolas do concello e demais entidades, organiza cada dos anos esta exposición de traballos artísticos exclusivamente elaborados por nenos e mozos.

Considerado un evento de referencia no seo da comunidade educativa do Sur de Pontevedra e Norte de Portugal, EDUCARTE ten espertado o interese de municipios veciños como Camiña e Valença do Minho, así coma, superando fronteiras, de Tomiño (por primeira vez en 2016).

Para o presidente da Cámara Municipal de Cerveira, Fernando Nogueira, “non hai nada mellor do que espertar o bichiño da arte e exercitar a vea artística entre os nenos e mozos, e as entidades públicas teñen a obrigación de fomentar esas ganas, a través da oferta de recursos”.

A exposición presenta tamén unha compoñente interactiva coa dinamización de talleres, con la colaboración da Fundación Bienal de Arte de Cerveira, do Aquamuseu do río Miño, do Convento San Payo e do CITCEM – Centro de Investigación Transdisciplinar da Universidade do Porto.

Horarios de funcionamento:

  • Días 29 e 30 de maio: 10:00 a 12:00 horas e 14:00 a 16:30 horas.
  • Día 31 de maio: 10:00 a 12:00 horas // 14:00 a 16:30 horas // 21:00 a 23:00 horas.
  • Día 1 de xuño: 09:30 a 13:00 horas.