Esta mañá na casa do concello de Tui, tivo lugar a presentación da IX Festa do Miño a cargo do alcalde, Enrique Cabaleiro e da concelleira de Cultura, Sonsoles Vicente, xunto aos representantes da asociacións culturais que van participar na Festa Gastronómica.

A festa comezará ás 20:00 horas na rúa Compostela onde as asociacións, A Insua de Caldelas, Aloia de Pazos de Reis, Laxes de Paramos, Lembranzas da Terra de Guillarei, O Mosteiro de Pexegueiro, San Bartolomeu, San Fins de Rebordáns, San Telmo, Santa Columba de Ribadelouro, Seixos Albos de Areas, Traxe Tradicional e Xuntanza de Randufe ofrecerán produtos tradicionais elaborados artesanalmente.

Precisamente a empanada de pan millo será un dos pratos estrela que haberá nesta IX Festa Gastronómica. Non faltarán outras elaboracións coma empanadillas, tortillas, paella, xamón asado, bocadillos, sobremesas caseiras… con produtos sen glute e veganos segundo explicaron hoxe as asociacións participantes, que agradeceron ao concello a oportunidade de participar nesta festa. Ao tempo amosaron tamén a súa gratitude aos veciños e socios pola súa colaboración na elaboración de todos os produtos. Haberá 24 postos de venda de comida a prezos de 1€, 2€ e 3€, e 6 de bebida con prezos de 1,5€ refrescos, viño e cervexa e 1€ a auga.

A Asociación San Telmo servirá empanadas de millo feitas coma antigamente e o “pincho do peregrino”, no posto de Santa Columba de Ribadelouro haberá “polbo de pobre” que é orella preparada coma o polbo e Xuntanza servirá a paella en cunchas de vieira nun guiño aos peregrinos, e disporá de tarta de iogur sen glute e pratos veganos. Tamén no posto de A Insua de Caldelas haberá sobremesas veganas, e no de San Fins de Rebordáns pratos sen glute, mentres que a Asociación do Traxe Tradicional ofrecerá arepas feitas polos compoñentes venezolanos deste colectivo.

A nota musical, ás 22.30h, correrá a cargo de Fillos do Estramonio que chegan a Tui dentro da súa xira “Rock&Risa 2019!”. Este grupo de rock que mestura nas súas actuacións música e humor achegará un espectáculo festivo que non deixará a ninguén indiferente. Os Fillos do Estramonio revisan os clásicos do rock adaptándoos ao galego e cambiándolles as letras por temas de actualidade.

Puntos informativos sobre Igualdade

A concellería de Igualdade do Concello de Tui terá mañá dous puntos informativos sobre igualdade, prevención e loita contra a violencia sexual na Festa do Miño. O primeiro deles estará na ribeira de Caldelas de 12:00 a 16:00 horas e o segundo na rúa Compostela de 20:00 a 23.59 horas.

Técnicos do concello de Tui achegarán información sobre o Servizo Municipal de Atención a Mulleres e Menores que atende ao público os martes na casa do concello previa cita. Ao tempo en colaboración co Servizo de Igualdade da Deputación de Pontevedra contarase co material institucional da campaña “Lembra, eu decido, ti respectas», e se repartirán folletos explicativos nos que se amosan con claridade os límites ante posibles agresións. Tamén se contará cun photocall desta campaña “Lembra, eu decido, ti respectas», no que aquelas persoas que o desexen se poderán tomar fotografías e amosar con este acto simbólico o seu apoio e compromiso nesta causa, xa que a loita contra a violencia de xénero é responsabilidade de todos e todas. Tamén se contará con material informativo doutras campañas coma “En Negro” na que Tui participa, …

O obxectivo que se persegue con esta iniciativa é informar e concienciar á poboación da importancia das relacións en igualdade.

Restricións de Tráfico

Debido á celebración da Festa do Miño haberá restricións de tráfico. Así tanto a rúa Compostela coma Mondoñedo están pechadas ao tráfico, e mañá toda a xornada pecharase a Avenida do Parador.