Doce actividades conforman a programación do “Mes das Letras” promovida polo Concello de Tui, a través da concellería de Cultura. Até o 8 de xuño desenvolverase unha ampla oferta de actividades arredor do libro, da lectura e as Letras Galegas.

Hoxe 23 de abril, Día do Libro, comeza a programación coa apertura na Praza da Inmaculada da “Casa dos libros orfos”, unha iniciativa da Biblioteca Municipal tudense. No antigo quiosco desta céntrica praza a Biblioteca tudense ten depositado un amplo conxunto de libros repetidos ou descatalogados que pon ao dispor da cidadanía que pode collelos en calquera momento para gozar dun rato de lectura na propia Praza da Inmaculada ou levalo á casa, e mesmo quedarse con el coa única condición de deixar outro no seu lugar. Nesta “Casa dos libros orfos” tamén teñen cabida os libros que xa non interesan nos andeis domésticos, coa condición que no sexan enciclopedias ou libros obsoletos.

A principal cita deste “Mes das Letras” será de novo a celebración da Feira do Libro Galego, o venres 17 de maio, que chega neste ano á súa XXV edición.