Nadal Solidario

Un tramo do Paseo da Corredoira transformarase nun espazo de lecer para a familia que terá coma principal atractivo unha pista de xeo ecolóxico. Pero tamén haberá actividades de animación para os máis pequenos, música, obradoiro de Nadal ou de cociña amais de recibir a visita de Papa Noel e dos paxes reais.

Será dentro da programación do Nadal Solidario de Tui que foi presentado esta mañá na casa do concello polo alcalde, Carlos Vázquez Padín, o concelleiro de Cultura, Eduardo Freiría, a concelleira de Educación, Mila González, o presidente e directivo de ACITUI, Juan Carlos Blanco e Manuel Santos, e Pablo Domínguez da Asociación de Afectados de Paramos e Guillarei.

A programación festiva en Tui comeza hoxe mesmo, ás 20h, co acendido do alumeado de Nadal. Será na praza da Inmaculada nun acto no que se contará coa actuación da rondalla O Mosteiro de Pexegueiro.

A animación musical estará moi presente tanto esta fin de semana coma a próxima. Así no Mercado de Nadal, que dende hoxe ata o domingo se celebra no Paseo da Corredoira con medio centenar de postos, actuará hoxe ás 19h o grupo Inquedanzas de Pazos de Reis, mañá sábado ás 12h o grupo Refaixos e Polainas de Baldráns, e o domingo ás 12.30h o grupo de gaitas da Asociación do Traxe Tradicional de Tui, ás 13.30h a da Banda de Gaitas San Xoan de Paramos e ás 18h o grupo de pandereteiras As D’Abadía. Tamén o domingo ás 17h está prevista a actuación da rondalla de Pontellas. Xa a próxima fin de semana o venres 14 actuarán Os que Somos de Rebordáns, (18.30h), o sábado 15 Inquedanzas de Pazos de Reis (12h), a Banda de gaitas Arume de Malvas (13h), a Banda de Gaitas San Xoán de Pramos (17h), o grupo Lembranzas da Terra de Guillarei (18h), e o domingo 16 Refaixos e Polainas de Baldráns (12h), O Mosteiro de Pexegueiro (18h), e as pandereteiras As D’Abadía de Caldelas (19h).

A pista de xeo ecolóxica estará en funcionamento do 17 de decembro ao 7 de xaneiro en horario matinal para o alumnado de 5 a 10 anos dos centros escolares que aboarán 1€ que será destinado á Asociación de Afectados de Paramos e Guillarei. Polas tardes abrirá de17 a 20h para público infantil e familiar, e de 20h a 22h para público xuvenil e adultos. Os sábados, domingos e festivos abrirá tamén pola mañá. O prezo da entrada será de 4€ válido para un período de 30 minutos.

Amais durante as vacacións escolares o concello organizará tamén obradoiros infantís, cuxas características se darán a coñecer proximamente. Tamén o venres 21 de decembro, ás 21h, terá lugar o Concerto de Nadal a cargo da Orquestra Sinfónica de Tui e do coro Mistura Vocal no Teatro Municipal de Tui. Por último o 5 de xaneiro celebrarase a Cabalgata Internacional de Reis que partirá de Valença e rematará no Paseo da Corredoira en Tui.