Área Panorámica de Tui
ALFREDO // Área Panorámica de Tui

Este luns, ás 14:00 horas na Sala Félix Rodríguez da Área Panorámica, terá lugar unha charla informativa dirixida ao comercio local para informar da creación da Rede de Mercados e Comercios no Camiño.

Trátase dun proxecto impulsado pola Dirección Xeral de Comercio, dependente da Consellería de Economía, Emprego e Industria. Esta actividade está organizada pola Concellería de Comercio do Concello de Tui.

A propia directora xeral de Comercio, Sol Vázquez, estará en Tui para explicar os obxectivo desta Rede e o proceso que deben realizar os comercios interesados para adherirse. Tamén participará na charla a concelleira de Comercio de Tui, Ana Mª Núñez. O prazo para solicitar a pertenza á rede remata o venres 8 de novembro.  Na charla do deste luns tamén se dará conta das distintas iniciativas que a Dirección Xeral de Comercio vai impulsar de cara ao ano 2020 dirixidas ao comercio galego, especialmente no relacionado do Camiño de Santiago.

Os comerciantes interesados en participar na charla informativa do luns deberán confirmar a súa asistencia no correo turismo@tui.gal ou no teléfono 677 41 84 05.

Rede de Mercados e Comercios no Camiño

Os establecementos que formen parte da Rede de Comercios no Camiño recibirán un distintivo identificativo e elementos promocionais, ao tempo que se beneficiarán das diferentes actuacións de dinamización que se leven a cabo na Rede no marco do Xacobeo 2021.

A orde que regula a adhesión de establecementos a esta Rede inclúe tamén unha convocatoria de axudas de ata 2.800 euros por beneficiario para que os comercios adheridos que así o desexen editen coa imaxe da Rede de Comercios e Mercados no Camiño solucións en material biodegradable de empaquetado exterior, tanto para o seu envío como para a presentación do produto, protección ou para o seu consumo. Tamén poderán obter apoios para a edición personalizada de selos para as credenciais dos peregrinos.