O Concello de Tui vai realizar un diagnóstico da situación e usos do mercado municipal situado na rúa Maristas. Así o aprobou hoxe a Mesa Local de Comercio na reunión que celebrou na casa do concello presidida polo alcalde, Enrique Cabaleiro.

Este diagnóstico deberá estar concluído o 30 de novembro. Terá coma obxectivo analizar o estado actual da edificación, equipamento e servizos que se prestan na praza de abastos de Tui, realizar un estudo do impacto económico actual e potencial, e recoller o parecer tanto por parte dos praceiros e praceiras coma das persoas usuarias deste servizo.

O estudo tamén debe recoller unha descrición da oferta e da demanda tanto existente coma futura, realizando unha ficha individual de cada un dos postos existentes. Elaborarase un estudo DAFO e avaliaranse os procedementos administrativos municipais vinculados ao mercado coma a adxudicación dos postos, o regulamento ou a ordenanza municipal.

Unha vez recompilados estes datos farase unha análise e proposta de actuación de innovación, cun cronograma para acometer as melloras.

Unha vez conte con este documento o Concello de Tui disporá da información precisa para acometer as melloras que considere oportunas dende obras necesarias, recolocación de postos ou formación e titorización dos praceiros e praceiras.

Este diagnóstico será financiado grazas á achega da Consellería de Economía e Industria convocada dentro da liña de subvencións para o impulso dunha rede de mercados excelentes de Galicia.

A Mesa Local de Comercio está formada polo alcalde, Enrique Cabaleiro, a concelleira de Comercio e Mercado, Ana Mª Núñez, o concelleiro de Turismo, Laureano Alonso, e o concelleiro de Servizos Sociais e Medio Ambiente, Ismael Diz, coma representantes municipais. Amais están presentes catro colectivos: a Asociación de Comerciantes e Industriais de Tui representada polo seu presidente, Juan Carlos Blanco, a Asociación de Amas de Casa e Consumidores de Tui, representada por Rocío Gómez, e se incorporan a Asociación de Empresarios de Areas, representada polo seu presidente Giorgio Casoni, e a Asociación de Empresarios de Tui, EMPRETUI, representada por Abel Vila. Tamén asistiu á reunión desta mañá Rosa Mª Rivas Lois, xefa de negociado da xefatura territorial en Pontevedra da Consellería de Economía.