O Concello de Tui súmase esta fin de semana á celebración das primeiras Xornadas Europeas do Camiño de Santiago promovidas pola Federación Europea dos Camiños de Santiago para resaltar o carácter integrador das rutas xacobeas. Unha iniciativa que promove a valorización do Camiño, da súa dimensión europea e do patrimonio cultural, tanxible e intanxible, que o singulariza e do que Tui é testemuña privilexiada da historia e da actualidade das rutas xacobeas.
En Tui será dobre a cita que poderemos gozar. Así, o sábado, 19 de outubro, ás 18 h, a Catedral de Tui acollerá o concerto “Música en Camiño” organizado pola CEER, a Rede de Universidades da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal. Mentres o domingo, 20 de outubro, ás 12.30 h no Paseo da Corredoira a cantante e compositora Natashia Zürcher achega a súa proposta musical titulada «Un camiño de fusión e liberdade” dentro do programa “Camiño A Dentro” promovido pola Xunta de Galicia e a Deputación de Pontevedra.
Tamén estaba previsto que mañá sábado tivera lugar en Tui “Música e viño no teu camiño” programado por Eu Rural, con postos da adegas Quinta Couselo, Terras Gauda, Adega do Vimbio e Altos de Torona, e concerto de Best Boy, pero debido á previsión de choiva, este evento foi adiado para o domingo, 27 de outubro, ás 18 h na praza de San Fernando.
“Música en Camiño” é un proxecto promovido pola CEER, a Rede de Universidades da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal, coa colaboración de varios compositores e compositoras de Portugal e Galicia, que compuxeron diferentes obras relacionadas co Camiño de Santiago. O de Tui será o primeiro dos concertos previstos, aos que sucederán os programados para este domingo no Auditorio de Goián, Tomiño, e na Basílica de Santa María Maior en Pontevedra, o sábado 26 no Albergue de Briallos en Portas, e o domingo 27 na Igrexa da Universidade en Santiago. O proxecto está cofinanciado pola Xunta de Galicia e conta coa participación da Deputación de Pontevedra e o apoio dos diferentes Concellos polos que transcorre a programación.
Dentro do programa “Camiño A Dentro” a cantante e compositora galego-suiza Nastashia Zürcher presenta “Un camiño de fusión e liberdade”. Nastashia Zürcher foi nomeada en dúas veces ao premios Martín Codax da Música nas categorías de “Blues, Funk &Soul” e d “World Music”. “My flight” e “BEAT” son os títulos dos dous albumes que ten publicados. Foi premiada no festival de linguas minorizadas Liet Internacional nos Países Baixos o ano pasado polo seu tema en galego “Espertos”.
Días Europeos do Camiño de Santiago
Ao longo dos seus 1.200 anos de historia, o Camiño de Santiago xogou un papel fundamental na creación dunha identidade europea común, independentemente das nacionalidades ou das disputas políticas e relixiosas. Fenómenos como a expansión do románico ou do gótico, a expansión da urbanización ou o concepto de cidadanía, están intimamente ligados aos momentos de esplendor desta ruta de peregrinación na Idade Media.
Despois duns séculos de declive, a mediados do século XX, coincidindo co inicio do proceso de construción europeo, o Camiño de Santiago xurdiu de novo como unha ruta que combina valores relixiosos, espirituais, culturais e de diálogo entre persoas procedentes de moi diferentes extraccións xeográficas, de mentalidade e orixe social.
Na actualidade, hai máis de 80.000 quilómetros de rutas marcadas como xacobeas no continente, existindo en case todos os países de Europa. Co fin de resaltar o seu carácter integrador, a Federación Europea dos Camiños de Santiago promove a celebración das primeiras Xornadas Europeas do Camiño de Santiago, durante a fin de semana do 19 e 20 de outubro de 2019.
Xornadas Europeas do Camiño de Santiago.
Sábado 19 de outubro, ás 18:00 horas, na Catedral de Tui:
- “Música en Camiño”: Concerto.
- Organiza: Rede de Universidades da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal (CEER).
Domingo 20 de outubro, ás 12:30 horas, no Paseo da Corredoira:
- «Camiño A Dentro» con Natashia Zürcher e a súa proposta musical titulada «Un camiño de fusión e liberdade”.
- Organiza: Deputación de Pontevedra.