Poñer en valor os produtos da terra dun xeito dinámico e atractivo. Ese é o obxectivo do proxecto ‘Un chef no rural’, unha nova iniciativa de difusión da Asociación de Desenvolvemento Galicia Suroeste Eurural, entidade responsable da execución da Medida Leader 2014-2020, que chega este venres 29 de xuño a Tui.
A Praza de San Fernando acollerá a partir das 20.00 horas unha demostración culinaria a cargo do recoñecido chef galego Iván Méndez no que tradición e innovación mesturaranse para elaborar menús e pratos adaptados ás peculiaridades do concello baionés. É unha iniciativa que busca dar a coñecer os produtos da contorna e sacarlle rendemento aos alimentos locais.
Entrada de balde
O público poderá asistir en Tui á ultima parada da iniciativa ‘Un chef no rural’, unha demostración gastronómica de balde con entrada libre ata completar aforo. A Praza de San Fernando de Tui será o derradeiro destino desta primeira edición do programa.
Este proxecto nace ao acubillo da Escola Eurural, creada en 2017 como unha ferramenta posta en marcha pola AD Galicia Suroeste Eurural para canalizar todas as accións formativas e informativas que se desenvolven no territorio do GDR 14 e que abrangue aos concellos de Baiona, Fornelos de Montes, Gondomar, A Guarda, Mos, Nigrán, Oia, Pazos de Borbén, O Porriño, Redondela, O Rosal, Tomiño e Tui.
Dentro da súa Estratexia de Desenvolvemento Local Participativa elaborada pola AD Galicia Suroeste Eurural, na que se estableceron as liñas de actuación da Medida Leader para o territorio do GDR 14, recóllese unha aposta pola información e formación como vehículo para mellorar a capacitación do capital humano da contorna. Por este motivo, cada ano destínase o 2,5% do orzamento anual da asociación á creación de itinerarios formativos para toda a poboación.