O futuro financiamento da “Estratexia Río Miño Transfronteirizo 2030” reuniu hoxe en Tomiño a especialistas estatais, rexionais e representantes de todas as entidades locais do territorio nunhas xornadas organizadas pola Deputación de Pontevedra e o Grupo Ante da Universidade de Compostela.
O encontro serviu para coñecer un innovador instrumento impulsado pola Comisión Europea durante o período 2014 – 2020, o Investimento Territorial Integrado (ITI), que segundo explicou o deputado de Cooperación Transfronteiriza e director do AECT Río Miño, Uxío Benítez, podería ser a chave do financiamento da estratexia miñota. No acto de inauguración tamén estiveron presentes o deputado de Economía da Deputación de Pontevedra, Carlos López Font, a alcaldesa de Tomiño, Sandra González, o investigador do Grupo Ante, Rubén Lois e o presidente da Cámara Municipal de Vila Nova de Cerveira en representación do CIM Alto Minho, João Brito Nogueira.
Segundo indicou Benítez, un Investimento Territorial Integrado (ITI) é un instrumento de xestión que permite optimizar e integrar fondos europeos garantindo o seu máximo aproveitamento. Para a súa implementación é necesario contar cunha serie de requisitos que “no noso caso cumprimos perfectamente” xa que “ademais de contar cunha situación xeoestratéxica e un enorme potencial de desenvolvemento económico do territorio, temos un documento estratéxico e unha folla de ruta co que queremos facer de aquí ao 2030” polo que a creación dunha ITI para o territorio transfronteirizo durante o próximo marco comunitario dos Fondos Europeos “encaixa perfectamente co noso proxecto”.
Nesa mesma liña apuntou o secretario xeral da Asociación de Rexións Fronteirizas Europeas (ARFE), Martín Guillermo, para quen a posta en marcha dun ITI no territorio sería a “guinda final” a un traballo que dende Europa “levan observando dende o inicio”, co nacemento do AECT Río Miño. “A cooperación transfronteiriza ben feita ten moitos efectos virtuosos que incluso pode atraer investimentos privados e os ITI son mecanismos de xestión que aforran tempo, esforzo e diñeiro”. Para a súa posta en marcha “é imprescindible que exista unha alianza estratéxica cos estados, porque estes teñen a decisión final, pero tamén co resto de administracións rexionais e locais”, polo que instou a todas elas a comprometerse con este proxecto “xa que aí está a clave”.
Un dos casos máis significativos dos presentados durante a xornada foi o do ITI italoesloveno de Gorizia/Nova Gorica/ Sempeter-Vrtojba, o único caso de ITI transfronteirizo en Europa que, segundo explicou a súa representante, Tanja Curto, garda moitas semellanzas co caso do Río Miño Transfronteirizo polas súas características similares.
Tamén está a participar neste encontro o experto en financiamento europeo e consultor para a Dirección Xeral de Política Rexional e Urbana da Comisión Europea (DG Regio), Jonatan Paton, o subdirector adxunto de Cooperación Territorial do Goberno español, Moisés Blanco Maceira ademais de especialistas universitarios en diferentes materias.
As xornadas continuarán o martes 19 cunha reunión de todos os representantes as eurocidades da fronteira ibérica para o intercambio de experiencias e boas prácticas na que participarán entre outros a alcaldesa de Ayamonte, Natalia Santos (Eurociudad del Guadiana); o rexedor de Badajoz, Francisco Javier Fragoso (Eurociudad de Badajoz – Elvas); o alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro (Eurocidade Tui – Valença); a alcaldesa de Tomiño, Sandra González (Eurocidade Tomiño – Cerveira), e o secretario executivo da Eurocidade Chaves Verín, Pablo Rivera Búa.