Este venres, Manifesto Miñor-En Marea presentou un escrito no Rexistro Municipal de Gondomar co obxecto de que o Concello tome medidas urxentes ante a instalación dun poste do tendido eléctrico que oculta un panel indicador dun elemento patrimonial de nivel mundial como é o Petróglifo de Auga da Laxe en Vincios.

O pasado mes de outubro, Naturgy (antiga Unión Fenosa), procedeu á colocación sen ningún tipo de coidado e con ausencia total de respeito polo patrimonio público, dun poste do tendido eléctrico que oculta literalmente o valo anunciador dos Petróglifos de Auga da Laxe, na estrada Gondomar-A Ramallosa, en Mañufe, á altura do IES Proval.

«O devandito valo foi instalado nese lugar coas autorizacións previas, tanto de Estradas de Galicia, como da Consellaría de Cultura e Turismo. Igual que ese panel hai outros dous nas tres entradas principais de Gondomar: estrada de Tui en Couso, Estrada de Vincios na Pasaxe e este na estrada da Ramallosa», indica Antonio Araúxo Quintas, voceiro da formación política.

«Dicir que a instalación deses importantes elementos informativos, acompañados doutro tipo de información accesible vía telematica, etc, foi realizada grazas a unha subvención (arredor de 14.000€) concedida pola Deputación de Pontevedra dentro dun programa de promoción turística, cuxa xestión foi leva a cabo polo concelleiro de turismo e comercio no anterior mandato, Xosé Antón Araúxo«, sinala.

«A día de hoxe ignoramos se semellante abuso por parte de Naturgy conta coas preceptivas autorizacións da Xunta, ou cando menos lle foi comunicada ao Concello a implantación do poste. Por outra banda, chama a atención que este novo elemento estea enclavado á beira do chamado paseo/carril bici que vai de Gondomar á Ramallosa, resultando un elemento agresivo esteticamente e mesmo perigoso para peóns e ciclistas«, afirma Arauxo.

«Por todo isto, solicitamos do Goberno Municipal, que tome cartas no asunto e esixa da Xunta de Galicia e de Naturgy, a súa inmediata retirada, e o seterramento da liña eléctrica como lle compre a un tramo con característica urbanos, máis aínda se se trata dun paseo», finaliza Arauxo.