Como en anos anteriores a Guarda ten moi presente a figura de Rosalía concentrando diferentes actividades abertas á participación cidadá para recordar a súa figura en torno a data de conmemoración do seu 183 aniversario, o 24 de febreiro.

A Casa dos Alonso acolleu este luns un Recital de Poemas para conmemorar o Día de Rosalía, contando coa participación de Maruxo, Julia Sobrino, Do Lusco ó Fusco interpretando Castellanos de Castilla, Xamaraina interpretando Negra Sombra en danza, Coiro Vello, Paliqueiras, Chuny Alonso e Mª José Baz interpretando ¡Calade!, Carmen do Santos da Asociación Fibromiño interpretando «Dicen que no hablan las plantas», Mulleres Progresistas, Avelaína, entre outras incorporacións última hora.

Exposición fotográfica

“Airiños aires, Rosalía”, é unha mostra que supón unha viaxe a través dos espazos vitais polos que transitou Rosalía de Castro e na que o fotógrafo Xurxo Lobato rastrexa o peregrinar da escritora por distintos puntos da xeografía rosaliana tanto en Galicia como fóra dela.

A través das cincuenta imaxes de gran formato que ocuparán ata o 8 de marzo a Casa dos Alonso da Guarda, a exposición traza a xeografía física, pero tamén emocional dunha autora que protagonizou un complexo peregrinar durante os seus corenta oito anos de existencia, ao mudar constantemente de residencia e de localidade.

A Exposición estará nos baixos da Casa do Alonso ata o 8 de marzo en horario de luns a venres, de 8:00 a 15:00 horas, e as fins de semana, en horario de 11:00 a 14:00 horas e de 16:00 a 19:00 horas.