O Concello de Nigrán pechou este mediodía no ‘Xardín da memoria’, ao carón do Pavillón de Panxón, os actos en recordo do tráxico suceso coñecido como a ‘Volta dos 9’ cunha homenaxe ás viúvas destes executados o 15 de outubro de 1936 na curva da Bombardeira (Baredo) e de Dolores Samuelle, quen pagou coa súa vida agochar aos ‘Ineses’.
Con esta homenaxe, á que asistiron netos, bisnetos a unha filla de Manuel Barbosa e Julia Sanjuan (asasinado e víuva) o Concello conmemorou ao mesmo tempo o Día da Recuperación da Memoria Lingüística de Galicia, data creada pola Asociación de Funcionarios pola Normalización Lingüística na que se promove o emprego do galego nos actos fúnebres (incluído obituarios, lápidas, placas…). O Concello volveu deste xeito a vincular a memoria lingüística á memoria histórica (os anos anteriores trocouse ao galego a lápida do mestre republicano Vázquez Grela ou dos represaliados Antonio Veiro ou Daniel Pazó).
“Cremos que foi moi acertada a elección do IEM de adicar este mes de outubro ás outras vítimas da coñecida como ‘Volta dos nove’, as viúvas dos asasinados e Dolores Samuelle, asasinada por axudar a agochar aos ineses. Estas mulleres tiveron que saír adiante soas, con fillos ao seu cargo, e marxinadas pola sociedade”, explicou o alcalde, Juan González, antes de descubrir unha placa co seu nome ao carón de onde figura desde 2016 un monumento que recorda aos seus homes. O momento máis emotivo do acto foi cando Julia Barbosa depositou un ramo onde o Concello ubicou a placa co seguinte texto:
‘En memoria das outras vítimas esquecidas na ‘Volta dos 9’: as viúvas dos asasinados en Baredo (15.10.1936) e Dolores Samuelle, quen pagou coa súa vida agochar aos ‘Ineses’ (13.10.1936). As dez representan ás mulleres do Val Miñor e do país que, invisibilizadas pola Historia e tamén marxinadas na súa época, sufriron as duras consecuencias da represión e do terror franquista. Julia Sanjuan García, Clementina Freire Mosquera, Antonia Rial Veiro, Rosalía Rodríguez Iglesias, Angelina Vega Ríos, Sofía Vieites Penedo, Eugenia Mijón Durán, María [descoñécense os apelidos], Aurelia Rodríguez Cabral e Dolores Samuelle Álvarez’.
«Sempre se obvia ás mulleres que tiveron que saír adiante soas coas súas familias e estando condenadas ao ostracismo. Estas viúvas e Dolores Samuelle, asasinada, representan a todas as vítimas femininas invisibilizadas pola Historia inxustamente«, finalizou o rexedor.
A ‘Volta dos 9’ marcou á comarca porque supuxo a execución a sangue fría o 15 de outubro de 1936 de nove veciños do Val Miñor como vinganza e represión dos falanxistas polo suceso do día anterior en Sabarís, cando no asalto das forzas nacionais á casa dos irmáns republicanos “Os Ineses” morreron estes, a muller que os agochaba (Dolores Samuelle) e tamén un dos falanxistas. Horas despois os partidarios do golpe de estado colleron a nove veciños detidos na prisión do Frontón, en Vigo, e os fusilaron na curva de A Bombardeira, en Baredo. Durante máis de 40 anos nove cruces apareceron pintadas nese punto como recordo dos falecidos e, aínda que as borraban e buscaron con esmero aos autores, estas sempre volveron a ser debuxadas. Hoxe o lugar é un espazo para a memoria e as cruces se manteñen, agora impresas, como recordo de todo aquelo que sucedeu. Este suceso está narrado no libro ‘Nigrán. Memoria dunha guerra’, do propio Juan González.