O Concello de Tomiño aprobou este luns o último expediente relacionado coa entrega dos paquetes alimenticios e agasallos de Nadal aos usuarios e usuarias do departamento de benestar.
Un ano máis, as persoas con menores recursos do municipio recibirán un paquete con produtos alimentarios. Serán máis de unha trintena de familias as que se beneficiarán deste servizo municipal que fará que 105 veciños e veciñas desfruten das festas de Nadal.
Ademáis do paquete de alimentos, as familias con menores tamén recibirán agasallos. Concretamente serán unha vintena de familias cuxos membros máis miúdos desfrutarán destas datas tan especiais cun agasallo de Nadal.
O servizo de benestar do Concello de Tomiño atendeu no que vai de ano a máis de 1.200 veciños e veciñas e contou cun orzamento de 747.972€. Un gasto social ao que se destinará 936.149€ no vindeiro ano e que será levado ao pleno ordinario do vindeiro 26 de decembro.
O gasto de benestar tense incrementado nos últimos anos destinando unha parte importante dos investimentos municipais para as persoas máis necesitadas. A Alcaldesa, Sandra González Álvarez, destaca a “importancia deste servizo que atende as familias máis vulnerables do concello. Un gasto social que non se ve pero que ano a ano se ten incrementado á par das necesidades e problemáticas das persoas que máis o precisan”.