Tras o proceso de inscrición celebrado para o curso “O servizo de axuda no fogar e a excelencia profesional”, organizado polo Concello de Tomiño en colaboración coa empresa Idades S.L. (especializada na prestación de servizos de atención socio-sanitaria), preseleccionáronse 27 persoas das 53 presentadas, na súa meirande parte, mulleres.

Das 27 persoas preseleccionadas por cumprir cos requisitos establecidos (ter o Graduado Escolar, estar empadroada en Tomiño e posuír carné de conducir), 25 son mulleres e dous homes. Dáse a circunstancia que 20 persoas foron excluídas por estar empadroadas noutros concellos da zona. En breve levarase a cabo a selección definitiva das 15 persoas que poderán participar no curso gratuíto e con compromiso de contratación (mínimo un 40%).

A duración total da acción formativa ascende a 140 horas, e realizarase na Escola Obradoiro O Regatiño de Goián, durante os meses de outubro e novembro. A parte teórica será do 8 ao 29 de outubro (luns, mércores e venres) e as prácticas (non remuneradas), do 5 ao 30 de novembro.

Este curso de atención socio-sanitaria está dirixido tanto a persoas desempregadas coma a traballadoras en activo, familiares de dependentes ou calquera outra persoa do municipio que interesada en formarse para poder traballar no sector da axuda no fogar.

Paula Morais, coordinadora da empresa Idades, indica que das 140 horas, 100 adicaranse á realización de prácticas, acompañando a un traballador ou traballadora con experiencia, mentres que as clases teórico-prácticas estarán a cargo dunha traballadora social e docente experta en atención socio-sanitaria.

Pola súa banda, a concelleira de Benestar Social, Cristina Martínez, salienta a disposición do Concello para continuar organizando accións formativas deste tipo, xa que ao mesmo tempo que ofrecen unha formación especializada, dan resposta á demanda actual en diferentes sectores do mercado laboral.