O que proba repite. Iso é o que din os preto de 30 usuarios e usuarias do programa Reactívate do Concello de Tomiño, un plan de envellecemento activo e de hábitos saudables para maiores de 60 anos posto en marcha pola concellería de Benestar Social, Igualdade e Educación e que acaba de arrancar un novo curso. “Aquí estamos a gusto, aprendemos moitas cousas e estamos activos, tanto mental como fisicamente”, coinciden en salientar os participantes no programa, que este martes 1 de outubro tiveron a presentación oficial do curso no Centro Vontade, onde se desenvolven todas as actividades.
A través de accións enfocadas a mellorar a memoria e a motricidade, os usuarios desfrutan de actividades como risoterapia, informática, ximnasia e pilates, accións para a promoción da saúde, manualidades e obradoiros de expresión corporal, memoria, escritura creativa e xogos da nosa vida, ademais de actividades coa comunidade, un club de lectura, un cinefórum ou roteiros saudables. Actividades divertidas e accesibles que para as e os participantes supoñen “un motivo para levantarnos da cama e ter unhas rutinas que doutro xeito non temos”. Aseguran que “non soamente gañamos axilidade mental, adestramos a memoria ou estamos activos fisicamente, senón que tamén socializamos, coñecemos xente e obrigámonos a saír da casa”. “Para min é felicidade e alegría, botámolo de menos cando paramos durante o verán”, recoñece unha das usuarias.
Exercicios que poden incorporarse á vida cotiá
De forma “lúdica, creativa e tendo en conta as peticións que os propios usuarios e usuarias fan”, o programa busca tamén “mellorar as súas condicións físicas, que non perdan a que xa teñen e empregar ferramentas para fomentar o equilibrio e evitar caídas, que é unha das cousas que máis preocupan”, explica Nélida Estévez, fisioterapeuta de Vontade e encargada da actividade física do programa. “Procuramos facer exercicios sinxelos que eles poidan memorizar e facer despois en casa, pequenos exercicios que poden incorporar á súa vida cotiá mentres fan os seus quefaceres diarios”, recorda.
O obxectivo final do programa é mellorar a calidade de vida das persoas maiores con actividades que favorezan a participación social e o mantemento de facultades físicas e psíquicas “cun completo plan de actividades que lles resulten de interese e útiles para a súa vida cotiá. Búscase axudarlles a seguir en activo, animalos a saír do seu fogar, a manter a súa autonomía persoal e a relacionarse con máis xente tanto da súa idade como máis nova”, explica a concelleira de Benestar, Educación e Igualdade, Cristina Martínez, que anima a todas e todos os maiores do municipio a participar no programa.
As actividades desenvólvense martes e venres en horario de mañá no Centro Vontade e teñen un custe de 15 euros mensuais. As persoas interesadas en participar aínda poden solicitar información ou inscribirse nas oficinas de Rexistro do Concello ou chamando ao teléfono 986 622 001 entre as 08.00 e as 15.00 horas.