Unha trintena de voluntarios eliminaron miles de eucaliptos na Serra do Galiñeiro

O Voluntariado Medioambiental do Concello de Gondomar, dirixido polo Concelleiro de Medio Ambiente, Antonio Araújo, da man da Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Vincios, achegouse ao Monte Galiñeiro para desenvolver unha xornada de eliminación de eucaliptos novos, que comezan a rebrotar despois da vaga de lumes do outono pasado.

Seguindo o exemplo do voluntariado medioambiental de Gondomar, moitos concellos e asociacións do país puxeron en marcha brigadas de eliminación da invasora, coa finalidade de crear áreas de conservación das especies autóctonas e crear conciencia medioambiental sobre a importancia de recuperar a biodiversidade.

A primeira intervención no concello de Gondomar foi nos montes de Couso hai cinco meses; agora, foi a Comunidade de Montes de Vincios quen lle declarou a guerra a esta praga e convidou ao grupo de voluntarios para unha nova arrincada de eucaliptos.

Durante máis de tres horas, un grupo de 30 voluntarios arrincaron milleiros de novas plántulas (unha densidade de 115 plántulas por metro cadrado) de eucalipto nunha extensión de 8 hectáreas, en plena serra do Galiñeiro.

Trátase dunha zona moi afectada polos incendios de hai un ano e onde a invasora estase a estender de xeito incontrolado, xa que logo, despois desta primeira intervención, a loita continúa para a eliminación total desta praga do Galiñeiro, pero tamén para evitar a implantación do parque eólico na serra.

Nas próximas semanas, o grupo de voluntarios desenvolverá outras saídas polos montes de Gondomar, especialmente, aqueles afectados polos lumes.

Unha trintena de voluntarios eliminaron miles de eucaliptos na Serra do Galiñeiro