O Buxeiro

O pasado domingo, a Agrupación Guardesa de Pescadores, Mariñeiros e Mariscadores non profesionais «O Buxeiro», organizou unha gran recollida de plásticos na costa da Guarda, O Rosal e Oia, no que participaron máis dunha trintena de persoas.

O grupo de voluntarios reuniuse previamente ás 8:00 horas na Alameda da Guarda, onde atenderon as explicacións do funcionamento desta actividade e se repartiron os sacos e luvas para poder recoller os plásticos da costa.

De seguido, os voluntarios organizados en grupos desprazáronse a diferentes puntos da costa entre a desembocadura do Río Miño na Guarda e ata a zona das Orelludas en Oia, recuperándose un total de 73 sacos de plásticos, 32 sacos na Guarda, 21 sacos no Rosal e 20 sacos en Oia.

Destacan coma curiosidades que se retiraron da costa numerosos aparellos de pesca, cordas, cordeis, boias, caixas de plástico, pezas de poliéster, mangueiras, así como tamén unha roda dun turismo e varias tubaxes de PVC.