Unidas Podemos Son En Común Baiona leva no número tres da súa lista a Natalia Vizcaíno, a profesora que en setembro deste curso académico fora aspirante ós denominados «Goya da Educación» na súa segunda edición. Como deixaba claro na súa entrevista feita en Telemariñas, «un dos obxectivos deste tipo de galardóns é precisamente visibilizar a tantísimos profesionais dispersos e ás veces illados que están traballando con toda a súa entrega, entusiasmo e esforzo dentro das aulas».

Xunto con cinco candidatas máis pertencentes ó ámbito da docencia: Liliana Vázquez, Guillermo Penas, Antía Fernández, Hermes Salceda e María de la Estrella Diez, Unidas Podemos queren darlle voz, apoio e axuda a tódalas docentes e persoal vinculado ó ámbito educativo do concello.

“Unha educación de calidade é aquela que dá resposta ás diversas necesidades educativas do conxunto da poboación para lograr o seu éxito escolar, mediante unha efectiva igualdade de oportunidades e unha xestión democrática, transparente e socialmente eficaz”. Así conclúe o apartado referido á Educación no seu programa electoral.

Pola súa banda, Natalia anima á veciñanza a “ler o noso programa e asistir os encontros que nestes días estamos tendo por todas as parroquias para compartir e expoñer as distintas necesidades e inquedanzas”.