Integrantes da Asemblea Veciñal polo Transporte de Gondomar (AVTG), da Federación de Anpas do Val Miñor (FAVALMI) e da Plataforma Gondomar Servizos Xa! (PVGS), reuníronse na mañá do venres con representantes das traballadoras e traballadores da CIG no comité do Grupo SUBUS do que fai parte LUGOVE, a empresa de transporte que opera no Val Miñor.

A reunión concertouse á raíz «da alerta pública á cidadanía e ás administracións lanzada polo persoal de Lugove diante da grave deterioración das condicións en que se está a prestar o servizo de transporte público interurbano e escolar e das consecuencias que esa situación pode provocar«, sinalan.

Precariedade laboral e incumprimentos legais

Desde a CIG relataron que a empresa «ignora de xeito reiterado o convenio colectivo de transporte de viaxeiros de Pontevedra, malia as constantes denuncias por parte do persoal e das sancións impostas pola Inspección de Traballo».

Entre as irregularidades máis graves salientan «as xornadas abusivas, con amplitudes horarias que chegan ás 15 horas diarias; descansos insuficientes, con incumprimento sistemático das 12 horas de descanso entre xornadas que converten as excepcións legais na norma habitual; tempos de espera ou ‘descanso’ non remunerados, dentro dos propios autobuses, moitas veces en lugares illados e sen servizos; vulneración da ‘desconexión dixital’». Apuntaron tamén que a falta de «revisións preventivas nos vehículos incrementa a probabilidade de avarías graves e fallos nos sistemas de seguridade en ruta«.

Os representantes sindicais trasladaron na reunión que esta situación deixou de ser un conflito puramente laboral para converterse «nun problema de seguridade pública«. «A fatiga, o estrés e o deficiente mantemento da frota de autobuses poñen en risco directo a seguridade das persoas usuarias”, indicaron.

As e os traballadores denunciaron unha estratexia de «dilación e promesas incumpridas por parte da dirección do Grupo SUBUS», ao tempo que lamentaron que a empresa “opte por políticas represivas e sancións en lugar de abordar as causas estruturais do conflito”.  Diante desta actitude, anunciaron que non desbotan a convocatoria de mobilizacións, paros ou folga se non se produce un cambio.

Demanda de seguridade e exixencia de responsabilidades

Pola súa banda, os colectivos de usuarios agradecen a información trasladada e recoñecen que lles alarma coñecer esta situación polo perigo que supón para a seguridade das persoas traballadoras e viaxeiras, moi especialmente no que respecta ao alumnado do transporte escolar.

Indican que, como persoas usuarias do transporte público, “debemos coñecer e denunciar esta situación que supón un claro perigo para a nosa seguridade”. Por esa razón, entenden que “debemos sinalar a quen a provoca,  a empresa, si, pero sobre todo a quen a permite, a Xunta de Galiza como responsable última do servizo”.

A Xunta rescindiu o contrato a Lugove polos continuos problemas e incumprimentos na prestación do servizo, e desde aquela a empresa segue operando até que se adxudique de novo a concesión. Pola propia experiencia de uso do transporte público, os colectivos de persoas usuarias xa tiñan unha opinión formada sobre esta empresa, mais agora, “diante de todo o que estamos a saber de LUGOVE desde dentro, temos claro que non debería optar á renovación da concesión do servizo”.

No inmediato, até que entre unha nova empresa, as entidades veciñais e da comunidade educativa instan ao goberno da Xunta a actuar para que a dirección de LUGOVE atenda de inmediato ás xustas demandas do persoal, imprescindibles para garantir a seguridade do servizo. Coinciden cos representantes dos traballadores en que “a seguridade non é negociable”, e acordan trasladar á Xunta que “lle exixa á empresa o cumprimento estrito da legalidade” como única “garantía para manter o servizo de xeito eficaz e seguro”.