O Concello da Guarda e a Cámara Municipal de Caminha, continúan coas actividades deportivas conxuntas cun novo calendario de andainas para este ano 2019, no que se inclúen un total de 5 andainas e, como nas edicións anteriores, os percorridos realízanse en Galicia e Portugal.

As andainas iniciáronse no mes de febreiro, e o pasado mércores día 1 de maio, realizouse a ruta da «Pedra e da Auga e do Río San Martiño» e rematarán coa ruta do Sendeiro do Miradoiro de Matacás o sábado 1 de xuño.

A «Ruta Da Pedra e da Auga e do Río San Martiño», transcorre polo concello de Meis, onde os participantes percorreron un total de 20km de distancia comezando e rematando a ruta no mosteiro cisterciense de Armenteira.

A andaina estivo composta en realidade de dúas rutas. A da Pedra e da Auga con numerosos muíños restaurados que salpicados polas beiras do río Armenteira e a Ruta polo Río San Martiño.

Nos arredores de Barrantes iniciouse a ruta polo río San Martiño que permitíu aos asistentes contemplar interesantes igrexas románicas (San Martiño e San Salvador de Meis) e espléndidas paisaxes da ría de Arousa.