Un total de 178 persoas maiores de 50 anos gozarán entre este domingo día 15 e o 20 de outubro do programa “Depotermal” da Deputación de Pontevedra, con estadías no Hotel SPA Galatea de Sanxenxo, no Norat Torre do Deza de Lalín, no Balneario de Mondariz e nas Termas de Cuntis, sendo os dous últimos os fixados para as estadías diúrnas.

Durante a súa estancia poderán facer uso das instalacións de termalismo dos establecementos, así como participar noutras actividades artísticas, deportivas, formativas, sociais ou turísticas.

Deste xeito, este domingo comezan as estadías con pernoita de dous grupos. A primeira destas expedicións, que conta con 47 persoas inscritas dos concellos da Estrada, Marín, Moraña, Nigrán, O Porriño, Pontevedra, Salvaterra de Miño, Tui, Vigo e Vilagarcía de Arousa, partirá rumbo ó Hotel SPA Galatea de Sanxenxo. O segundo grupo, que irá ao Hotel SPA Norat Torrre de Deza de Lalín, está composto por 42 persoas. Neste caso son de Baiona, Cangas, Gondomar, Mos, O Rosal, Pontevedra, Silleda, Vigo e Vilaboa.

No que atinxe ás saídas diúrnas, haberá 32 persoas que se despracen ao Balneario de Mondariz  dende o luns 16 de outubro ata o venres 20. Todos eles proveñen dos concellos de Marín, Mos, Nigrán, Pontevedra e Vigo, mentres que 57 persoas de Barro, Poio, Pontevedra, Portas e Vigo poderán gozar nas mesmas datas de saídas diúrnas ao Hotel Termas de Cuntis.

O programa de termalismo e saúde da Deputación de Pontevedra, dirixido ás persoas maiores de 50 anos, xubiladas, pensionistas, persoas cun recoñecemento do grao de diversidade igual ou superior ao 65% ou que teñan acreditado un respiro familiar, ten como finalidade facilitarlles aos veciños da provincia o acceso a actividades de ocio saudable e envellecemento activo en establecementos hostaleiros. Ademais, ao mesmo tempo, pretende ser un programa dinamizador da economía da provincia, impulsando a creación e o mantemento de postos de traballo no sector turístico durante os períodos de menor actividade ao desestacionalizar a demanda.

“Depotermal” conta con dúas modalidades: unha diúrna, mediante a que as persoas beneficiarias asisten aos establecementos termais durante cinco días consecutivos, e outra con pernoita, a través da que se ofrece unha estancia de seis días e cinco noites. En total, son 2.447 as persoas beneficiarias, das que 664 aproveitarán a asistencia diúrna e 1.783 persoas a asistencia con aloxamento.