Mariano Llinás

O director e guionista arxentino Mariano Llinás (“Historias extraordinarias”, “La flor”) será o titor dos proxectos nacionais que resulten seleccionados para participar na segunda edición de Ventura, unha iniciativa creada polo Festival Internacional de Cinema Play-Doc, cuxa convocatoria está aberta desde o 12 de setembro.

Ventura é unha plataforma internacional concibida para o desenvolvemento de proxectos cinematográficos independentes, españois e internacionais, cunha forte visión artística, e que ofrece un programa que comprende a formación profesional, o desenvolvemento de proxectos e os encontros de coprodución a través de actividades presenciais e virtuais. Entre os proxectos seleccionados das preto de 300 propostas que se presentaron á exitosa primeira edición atópanse as novas producións de Luís Urbano, Beli Martínez, Andrea Queralt, Felipe Lage ou Thomas Ordonneau, xunto a cineastas como Maureen Fazendeiro, Ben Rivers, Camilo Restrepo, Carla Andrade e Alessandro Comodin, entre outros.

Ventura acepta proxectos de calquera país, sexa cal for a etapa na que se atopen –desenvolvemento, produción ou postproducción–, sen restricións respecto a a duración, o formato ou o xénero cinematográfico. En cada edición selecciónanse dez proxectos divididos en cinco españois e cinco internacionais. O programa está deseñado en tres etapas: os proxectos nacionais participan en todas as etapas mentres que os internacionais son convidados a unirse directamente á terceira e última fase, correspondente ao Foro de Coprodución Internacional.

Finalmente todos os participantes presentarán os seus respectivos proxectos ante un xurado de prestixio internacional que concederá un premio en metálico de 10.000 €. Así mesmo, Ventura ofrecerá unha serie de premios en servizos.

A convocatoria para participar na segunda edición de Ventura xa está aberta. A data límite de admisión para os proxectos nacionais é o 22 de outubro, mentres que a correspondente aos proxectos internacionais é o 26 de novembro. Toda a información, así como as bases de participación e o formulario de inscrición pódese atopar en Ventura.