O equipo guardés A Guarda Hockey Liña organiza a Terceira Sede da Liga Galega de Hockey Liña na categoría masculina. A cita será o vindeiro domingo día 16 no pavillón municipal de Bouzas de Vigo.

Coma ven sendo habitual nos seus dez anos de historia, os da Guarda vense na obriga de xogar coma locais en Vigo pola escaseza de instalacións deportivas da súa vila.

A xornada desenvolverase de maneira ininterrompida dende as dez da mañá, ata as nove da noite, con equipos das catro provincias, que disputarán partidos correspondentes ás xornadas 8 e 9 da Liga Autonómica da disciplina.

A Guarda Hockey Liña enfrontarase ós primeiros clasificados, Lóstregos de Lugo ás 10:00 horas e a Alquimia InLine da Coruña, ás 15:00 horas. Será unha xornada vital para o equipo guardés xa que ocupa a cuarta praza da clasificación, empatados a puntos co terceiro clasificado, o Morcegos de Ourense.

A xornada completarase co encontro que enfrontará os equipos xuvenís de A Guarda Hockey Liña e Lóstregos de Luga ás 20:00 horas.