A campaña electoral de En Marea para as próximas eleccións do 26 de maio centrose este venres en Gondomar. Ata alí se desprazou o voceiro, Luís Villares,  que participou no acto «Conversas por Europa» xunto ao candidato Xoán Hermida. A pesar de que posteriormente estaba previsto que ambos participaran tamén na presentación da candidatura de Manifesto Miñor que Antonio Araúxo encabeza nese municipio, o acto foi finalmente suspendido en sinal de loito e respecto polo falecemento de Alfredo Pérez Rubalcaba.

En Marea aposta por uns Concellos ao servizo da cidadanía. Unhas institucións abertas e democráticas, capaces de trascender o puramente local para impulsar fórmulas de colaboración supramunicipal que atendan ás necesidades da cidadanía. É a mensaxe que Luís Villares deixou en Gondomar, onde o voceiro destacou a necesidade de desenvolver espazos metropolitanos con áreas de gobernanza propias. Unha fórmula que, en zonas como a contorna de Vigo e o Val Miñor, onde boa parte da cidadanía se despraza a diario por motivos laborais, permitiría mellorar a mobilidade de xeito substancial, mediante a posta en funcionamento dun transporte público máis eficiente que o actual.

«O municipalismo de En Marea baseáse na cooperación non sectarea entre Concellos. A área metropolitana de Vigo tiña que ser unha realidade, e non o é aínda porque hai partidos e alcaldes que non ven máis aló do propio termo municipal», denuncia Villares, que reivindica unha fórmula de cooperación que tamén «permitiría crear unha empresa eléctrica pública que traballase con produtoras renovables, e que permitise aos concellos facer políticas sociais con tarifas propias para acabar coa pobreza enerxética«.