A segunda edición de Vive Nigrán, que se celebrará no antigo campo de fútbol de Lourido (Praia América) os próximos 20 e 21 de xullo, incorpora ao seu cartel o pop folk contemporáneo de Alondra Bentley, aos zaragozanos Calavera, a expresividade e frescura de Maryland, aos vigueses Inerttes (tras gañar o concurso de SonidosMans); e aos emerxentes Indian Hawk, Mireia Vilar e Odd Cherry Pie a través do programa da Deputación de Valencia «Sona la Dipu».
Ademais, a organización presenta tamén a súa programación por días, que quedará do seguinte xeito: o venres 20 actuarán Depedro, Nathy Peluso, Maryland, Mujeres, Calavento, Mireia Vilar, Odd Cherry Pie, Esteban & Manuel e Abraham Boba DJ set (León Benavente); e o sábado 21 os asistentes poderán gozar do Concerto Mahou Cinco Estrellas de Sidonie, The Limboos, Mueveloreina, Bigott, Las Odio, Alondra Bentley, Calavera, Inerttes, Indian Hawk, Sidonie DJ set, Esteban & Manuel DJ set e Picnic Pop DJ.
Outras actividades e entradas
O festival continuará apostando por fusionar a música con experiencias ao aire libre. Ademais da vintena de propostas musicais do seu cartel, as persoas asistentes terán á súa disposición dende xogos e talleres, ata unha gran oferta gastronómica a cargo de foodtrucks, un mercadiño, charlas, as sesións Esteban & Manuel, ou de DJ de Abraham Boba (León Benavente) e Sidonie no Espazo Mahou… Unha infinidade de actividades que debuxan un «picnic pop festival» de cultura creativa, unha filosofía e un estilo de vida para que todos os públicos poidan gozar intensamente Nigrán dende a mañá ata a noite.
As persoas interesadas en adquirir as súas entradas xa poden facelo a través da propia web do festival, Vive Nigrán, na que se poden adquirir os abonos de dous días por 30 € ou as entradas para asistir soamente un día a un prezo de 15 €. As entradas tamén estarán dispoñibles en puntos de venda físicos como Elepé e La Juakina en Vigo, Plaza Fitness Sport Center e Chac – Mool en Nigrán, Doppler e Torgal en Ourense, A Reixa tenda en Santiago de Compostela e Carnaby en Pontevedra.