Xa se poden recoller as entradas para a

A partir deste mércores, todas as persoas interesadas en asistir á ‘Gala Ano da Lingua’ poderán retirar as súas entradas. Nesta ocasión establécese un único punto físico de retirada, que será o Departamento de Cultura do Concello de Tomiño (barrio da Rocha), e permitirase retirar un máximo de 2 entradas por cada persoa. O horario de retirada corresponderase co horario de apertura ao público, de 8.00 a 14.00 horas.

As entradas da Gala do Ano da Lingua son de balde e estarán a disposición do público ata que se esgoten as 325 butacas coas que conta o Auditorio de Goián. Hai que lembrar que esta Gala terá lugar o sábado 8 de decembro, ás 20 horas no Auditorio Goián, e que ese mesmo día tamén se programa unha sesión matinal na Praza do Seixo para público familiar, que se trasladará ao Mercado en caso de choiva.

A gala, que estará presentada pola actriz Isabel Risco, contempla unha performance realizada ad hoc pola poeta Tamara Andrés, un espectáculo aéreo a cargo de Rebeca Santos, e as actuacións musicais de Andrea Pousa, Leilía e A Banda da Loba. En canto á sesión matinal, que comezará ás 12:00 horas, inclúe o Concerto Punkinfantil, para público infantil e familiar, e nunha actuación de Blues do País, nunha sesión vermú.

O 8 de decembro Tomiño converterase, con estes dous eventos, no centro dos actos cos que a Deputación de Pontevedra remata o Ano dedicado á promoción e ao compromiso coa lingua galega. A institución provincial continúa, deste xeito, coa súa filosofía de descentralizar os actos principais do ano e levándoos a distintos puntos da provincia co fin primordial de facelos accesibles a toda a poboación, independentemente do lugar onde resida.  Tomiño é o terceiro concello que acolle unha Gala destas características, despois que no ano 2017 se celebrase en Cangas con motivo do Ano do Patrimonio, e no ano 2016 tivese lugar en Pontevedra co gallo do Ano Castelao.