Galaicos

A Deputación de Pontevedra abriu esta mañá a exposición “Galaicos. Un pobo entre dous mundos” no Museo da Prehistoria de Valencia, no Centre Cultural da Beneficencia da capital levantina, a mostra na que se pon en valor, de forma didáctica e explicativa, a importancia e sofisticación da cultura galaica e o seu territorio como un dos puntos estratéxicos da prehistoria e historia antiga.

“Galaicos. Un pobo entre dous mundos” artéllase arredor de cinco ámbitos cronolóxicos: Campesiños e guerreiros. Idade do Bronce Final (1.500 -800 a.C.); Poboados fortificados da primeira Idade do Ferro (800-400 a.C.); O Atlántico ábrese ao Mediterráneo (400 -19 a.C.); Na esfera de Roma: Gallaecia (séculos I-III) e a provincia de Gallaecia (finais do século IV-século VI). 

En cada un dos ámbitos da mostra inclúese un texto introdutorio coas claves do período histórico, obxectos representativos de cada etapa e datos de xacementos arqueolóxicos como A Cabeciña (Mougas-Oia) ou Santa Trega (A Guarda). Así, ao longo do percorrido é posible ver máis de 60 obxectos arqueolóxicos, réplicas e outras inéditas, imaxes e fotografías, así como máis de 20 ilustracións, textos e recursos audiovisuais.