Feito en Tomiño

José Manuel Álvarez Comesaña leva 30 años ao fronte de Androx, o taller de cerámica máis lonxevo de Tomiño, situado en Vilachán e coñecido por locais e visitantes, por mor dos cursos de verán que veñen impartindo dende hai varias décadas.

Pero a noticia non é o taller esta vez, nin o museo situado a carón, senón a tenda de artesanía “Feito en Tomiño”, que veñen de abrir en pleno centro de Tomiño, co fin de dar a coñecer as diferentes coleccións de cerámica que elaboran e vendelas a prezos moi razoables.

A nova aventura empresarial empréndea Álvarez Comesaña xunto a outros ceramistas da casa, Mª Teresa e Beatriz Iglesias e Marina Martínez, titulada en Belas Artes.“Dábanos pena que a xente non soubera que estamos en Tomiño dende hai 30 anos”, comenta a primeira, ceramista principal do taller na actualidade. E é que son máis coñecidos en Vigo e Galicia en xeral, e tamén en varios puntos de España e do estranxeiro, coma Budapest, onde soen asistir a feiras e congresos. Tamén fan traballos de murais de azulexo para farmacias, organismos municipais, empresas, etc.

Cerámica de autor, esmaltada e vidrada é a nota común de todas as pezas que expoñen na tenda, situada na rúa Colón, en fronte do Mercado Municipal. Xogos de café, xerras, leiteiras, ollas antigas para chourizos, licoreiras, “vira tortillas”, bandexas, pratos. Comparten andeis con outras moitas pezas de carácter menos utilitario, coma hórreos, meigas, xoieiros, bixutaría e un longo etcétera. Tamén teñen á venda pinturas de artistas dos países do Este de Europa, froito de intercambios realizados con eles.

Sandra González, alcaldesa de Tomiño, visitou a tenda o día da súa apertura para dar os seus parabéns e mellores desexos aos propietarios da mesma, que xa venderon os seus primeiros artigos durante os días que levan abertos ao público.