Xosé Martínez Crespo explicou, dende a praza do Calvario, os seus proxectos para transformar O Rosal nun concello inclusivo, igualitario e que sexa modelo de políticas sociais. “Un alcalde socialista ocuparíase moito máis por atender aos barrios e ás parroquias e non só ao centro do concello, por despregar políticas sociais que garantan a conciliación laboral e familiar, por apoiar ao deporte e por organizar unha programación cultural universalista e para todos/as, non só para a xente que se sinta nacionalista”.

Crespo recibiu a visita da presidenta do PSdeG e da Deputación, Carmela Silva, e destacou que foi a Administración provincial quen financiou tódalas obras e actuacións que se desenvolveron no Rosal durante os últimos catro anos e a que abriu as portas á chegada de fondos europeos, canalizados tamén a través do Goberno de España.

O alcaldable do PSdeG-PSOE amosouse orgulloso de que estean a ser Administracións gobernadas polo Partido Socialista as que se están a preocupar polo impulso ao parque empresarial A Guarda-O Rosal. Explicou que xa van varias xuntanzas co alcalde da Guarda, Antonio Lomba, e coa Zona Franca, que xestiona David Regades. Será, engadiu, «un parque respectuoso co medio ambiente e ben integrado, que permitirá frear a marcha de empresas e sentar as bases para a economía local e o emprego».

Carmela Silva concretou que a Deputación leva investidos 7,7 millóns de euros no Rosal dende o verán de 2015, é dicir, nos dous últimos mandatos municipais. Unhas achegas coas que fixo posible unas 70 obras, como a da propia praza do Calvario, a reforma da praza de abastos ou, agora mesmo, a gran senda peonil entre Tabagón e Goián. Engadiu que a presencia da Xunta de Galicia no Rosal redúcese á cifra de “cero euros”.

Xosé Martínez Crespo entende que o Concello do Rosal debe cambiar o rumbo para aproveitar moito mellor ese volume de recursos da Deputación para atender como é debido aos barrios e parroquias. Ademais, subliñou que O Rosal ten a súa propia idiosincrasia e está orgulloso de ser como é. “Nós non queremos ser unha fotocopia de Tomiño, non queremos un modelo de xestión municipal que non encaixa nas necesidades do noso pobo. Queremos un goberno por e para O Rosal e non unha prolongación doutro concello con outras características”.

Botou en falta que se fale de cuestións reais como o abandono do campo da Mata, no que agora se anuncia “con présa electoral” a renovación do céspede para o mes de outubro, o que vai significar que non vai estar dispoñible durante varios meses en plena temporada. Crespo defende unha “cultura universalista” e cousas tan básicas como que os nenos e nenas do centro dispoñan dun parque “como hai en tódolos pobos e que, sorprendentemente non se previu cando se decidiu gastar case dous millóns de euros nesta praza do Calvario”.

Tampouco comprende que se pretenda gastar 400.000 euros nunha cafetería ao lado da praza de abastos e pregúntase que tipo de prioridade é esa. Por contra, as políticas sociais esmorecen e non se financian programas que axuden ás familias a conciliar.