No pasado mes de xuño de 2020 conmemorouse o XXX Aniversario da creación da Asociación sen ánimo de lucro Érguete Baixo Miño. Xa transcorreron 30 anos cando, a primeiros de xuño de 1990, sesenta persoas reúnense no antigo Colexio público M.R. Sinde de A Guarda para tratar da grave problemática do consumo de drogas que estaba ocasionando graves consecuencias persoais e sociais no Baixo Miño á cal asistiron Mari Carmen Avendaño, un avogado e varios membros da Asociación Érguete Vigo. Desa xuntanza saíu unha Xunta Xestora que elaborou os Estatutos da Asociación, sendo aprobados  o 3 de xullo dese ano polo Goberno Civil de Pontevedra, comezando esta traxectoria co nome de Asociación Érguete Baixo MiñoAsociación de Familiares e Amigos de Toxicómanos e Ex-Toxicómanos-.

Artigo 2º .- Son fins principais da Asociación:

a.-   A consecución de maiores recursos e mais axeitados para a prevención, asistencia e incorporación social (acceso mercado laboral) das persoas que sofren algunha adición, as que sufriron algunha adición ou colectivos en desvantaxe social.

b.-   Fomentar unha vide mais saudable: minimizar os factores de risco e maximizar os factores de protección.

c.-   Informar, asesorar, apoiar e facilitar todo os medios necesarios para afrontar a problemática das condutas aditivas atendendo a toda a poboación xeral, especialmente mocidade, afectados directa ou indirectamente polas sustancias aditivas.

d.-   Xerar medidas de carácter educativo, sanitario, cultural e social con criterios de igualdade, dignidade e identidade para a toda a poboación e especificamente para os colectivos con problemáticas adversas: persoas que sofren algunha adición e persoas que sufriron algunha adición, afectados polo V.I.H /sida, discapacitados, mulleres, familias, mozos, inmigrantes, infancia, transeúntes, reclusos ou exreclusos , enfermos crónicos, persoas maiores e soas.

e.-   A formación continua nas temáticas relacionadas coa saúde en xeral e coas condutas aditivas, en particular para todo os membros da Asociación, así como a realización de actividades formativas e/ou con fins pedagóxicos para a comunidade en xeral e para os colectivos diana (axentes socializadores): profesorado, mulleres, mocidade, sector empresarial.

f.-    A realización de todas aquelas medidas legais de presión e a defensa dos dereitos das persoas que sofren algunha adición e/ou colectivos en desvantaxe social.

Na modificación dos Estatutos en 2017, pasa a denominarse como Asociación Érguete Baixo Miño de prevención das condutas aditivas e de educación e promoción da saúde.

As persoas que inicialmente se implicaron directamente nesta iniciativa para a atención da enorme problemática, tanto persoal coma social naqueles momentos foron:

  • Presidente: José Antonio Uris Guisantes
  • Vicepresidente: Antonino Torrón Fernández
  • Secretario: Manuel Rolan Fernández
  • Vicesecretario: Jaime Álvarez Priego
  • Tesoureiro: Emilio Pacheco Cardoso
  • Vicetesoureiro: Sergio Luís Castro González

Vocais: Camilo Gesto Vila, María Xesús Darriba Calviño, Julia Gaspar Pazos, Mercedes Baz Lomba, Manuel Álvarez González e María José González Lomba.

Unha vez constituída esta Asociación comezouse a traballar en diferentes actividades encamiñadas á información e atención das persoas que directa ou indirectamente atopábanse afectadas polas drogodependencias. Fixéronse charlas informativas abertas para toda a poboación sobre as drogas e as medidas tomadas polos organismos oficiais nos salóns de actos dos centros educativos de Tomiño, A Guarda, O Rosal e Oia. Foi o 27 de xuño de 1991 cando, no Teatro Cine Avenida de A Guarda -local xentil e gratuitamente cedido polos seus donos para celebrar estes actos- celebrouse unha Mesa Redonda contando ca presenza de parlamentarios galegos do BNG, PSdeG-PSOE e Coalición Galega, con gran asistencia de público xa que este asunto resultaba moi preocupante naqueles momentos para o conxunto da comunidade.

Público asistente na Mesa Redonda sobre as drogas, celebrada no Cine Avenida o 27 de xuño de 1991

Neses primeiros anos fixéronse contactos coa Asociación Alborada e Cedro de Vigo,  con Comunidades Terapéuticas de Francia (Engelmajer, antes Comunidad El Patriarca), Reto, Remar, etc, e máis tarde con Proyecto Hombre. Colaboraba con nós a Cruz Vermella do Baixo Miño e Protección Civil para trasladar aos afectados e as afectadas á UAD (Unidade de Atención a Drogodependentes) situada no Concello de O Porriño para consultas e para tratamentos.

Cando se fundou Érguete marcámonos o obxectivo de loitar para obter unha UAD (Unidade de Atención a Drogodependentes) para o Baixo Miño, pero a 2020 seguimos enviando ás e ós demandantes de atención á UAD de Porriño e a outros recursos existentes no Concello de Vigo. Todos estes desprazamentos supoñen un hándicap á hora de iniciar ou acollerse a tratamento, sobre todo para as persoas máis vulnerables. Con todo, a día de hoxe facilitamos axudas de transporte a estes recursos para favorecer que as persoas afectadas acudan a tratamento.

Comezouse a editar unha revista/boletín de información e de sensibilización social en formato papel que se mantivo durante 17 anos, dende decembro 1990 ata setembro 2007, sacando á rúa un total de 21 números. Realizáronse unhas Xornadas  sobre “Drogas, medios de comunicación social e movemento asociativo” celebradas no Centro Cultural de A Guarda os días 29 e 30 de novembro de 1997. Estas xornadas foron programadas e organizadas pola FEGAD (Federación Galega de Asociacións de Axuda ó Drogodependente) que presidía Manuel Varela Veiga, e entre os xornalistas intervintes estiveron José Luís Manso Preto (autor do libro Minho Conettion), Rui Pereira (xornalista do Expreso) e Fernando Rodríguez Méndez (Máster en Drogodependencias e Sida e con varios premios sobre xornalismo en drogodependencias). A este encontro asistiron máis de medio cento de representantes das 44 Asociacións Galegas dentro da FEGAD, participando os alcaldes de ambas ribeiras do Miño. Por desgraza para nós a FEGAD desapareceu por falta de financiamento oficial.

Onde seguimos colaborando e con cada vez máis presenza é na UNAD (Rede Nacional de Atención ás Adiccións) creada no ano 1985 -que incluía a xa extinguida FEGAD- e da que forman parte na actualidade un total de 215 entidades do noso pais. Como entidade socia deste organismo dende o ano 1991, e con representación na Directiva coma vogal da UNAD por Galicia, compartimos un modelo común caracterizado por ser integral e integrador, centrándose nas persoas, con abordaxe da perspectiva de xénero e intervindo no ámbito das adiccións con sustancias e tamén nas adiccións sen sustancia que tan en auxe se atopan na actualidade (novas tecnoloxías, xogo ou apostas online,…).

Outro obxectivo tratado por Érguete foi a xuntanza dos alcaldes de Tui, Tomiño, O Rosal, Oia e A Guarda, xunto cos responsables  do Plan de Galicia sobre Drogas, Víctor Pedreira Crespo e Jesús Morán Iglesias, acompañados do Delegado Provincial de Traballo da Xunta de Galicia Pedro Borrajo Rivas, co obxectivo de acadar unha maior implicación por parte da Administración Local para a atención das drogodependencias. Nas anualidades 2008-09 conseguiuse que a Mancomunidade do Baixo Miño asumira un Plan Comarcal de Drogodependencias, aínda que apenas durou ese ano.

Ao longo destes anos leváronse a cabo moitas e diversas actividades que foron transformándose e adaptándose aos novos tempos e que promovían a ocupación saudable do tempo de lecer coma os concursos de debuxo, chegando a participar 293 nenos e nenas de 3 a 14 anos, a travesía a nado, o concurso de figuras de area na praia de O Muíño con gran éxito de participantes (desde 1992), de construción de maquetas de barcos, do logotipo do Monte Trega (3/3/1995), carreiras de mountain bike, campamentos de Semana Santa para nenos e nenas e para adolescentes en A Lama e en Parada do Sil, etapas de sendeirismo polo Esteiro do Miño, excursións, etc.

Cursos de encadernación, de coiro, de manualidades en escaiola, de vimbio, de teatro, de porcelana en frío, de cadros tridimensionais, de iniciación e de perfeccionamento do galego, de autoestima, de mindfulness, de risoterapia, de plantas medicinais, etc. Distribuímos alimentos durante moitos anos aos colectivos máis vulnerables dos Concellos de A Guarda, Tomiño, O Rosal e Oia e tamén de xeito puntual na actual pandemia, sempre en coordinación con outros recursos da comunidade.

Programas de incorporación social e laboral desde 1993, xornadas empresariais, itinerarios de inserción personalizados, programa de intercambio de xiringas desde 1994 (recollemos as usadas e entregamos as novas), facilitación de preservativos, cursos para deixar de fumar, curso sobre drogodependencias impartido por un equipo de profesionais en 1995 e tamén de voluntariado en drogodependencias. Dende 1992 traballamos nos Centros Educativos do Baixo Miño co Programa de Educación para a Saúde na Escola dirixido a todo o alumnado da formación obrigatoria, impartíronse cursos sobre sexualidade, conferencias e charlas sobre a Sida e as Escolas de Pais e Nais coa finalidade de aplicar a prevención e a educación para a saúde nun ámbito tan esencial como é o familiar.

O enfoque e o tratamento das diferentes problemáticas relacionadas coas condutas aditivas tamén sufriron cambios ao longo destes anos, adaptándose ás novas e emerxentes necesidades, acolléndonos á crecente evidencia científica existente neste campo coa consecuente formación continuada por parte das técnicas en condutas aditivas que forman parte do persoal técnico laboral da entidade.

Durante estes 30 anos, participaron diferentes persoas no Equipo Directivo da Asociación, destacando os 21 anos de Presidente de J. A. Uris Guisantes, dende a fundación en 1990 ata o ano 2011. A actual Xunta Directiva da Asociación Érguete Baixo Miño está conformada por:

  • Presidente: Victoriano Rodríguez González
  • Secretario: Emilio Pacheco Cardoso
  • Tesoureira: María José González Lomba

Vocais: José Antonio Uris Guisantes, Aurelio Pereira Gándara, Manuel Barbosa Gómez, Pilar Álvarez Vila e Félix Piñeyro Martínez.

Durante o ano 2018 atendemos a un total de 983 persoas que se distribúen do seguinte xeito: nas diferentes actividades que realizamos nos centros educativos da comunidade achegámonos a 708 nenos/as, adolescentes e profesorado; atendemos directamente a 23 familias afectadas coa problemática das adiccións; 150 mozos e mozas; e nas diferentes actividades que facilitan a incorporación social e laboral participaron 102 persoas.

Queremos agradecer aos socios e socias polas súas cotas, ás subvencións das Consellerías de Sanidade e de Política Social, á Deputación Provincial de Pontevedra, aos Concellos de A Guarda (que ademais nos cede o local social onde temos a sede na Rúa Colón, 20 –Edificio O Pescador 1º piso-, propiedade do antigo Instituto Social da Marina, agora Tesourería Nacional da Seguridade Social), aos Concellos de O Rosal, Tomiño e ocasionalmente Oia, así como ás Comunidades de Montes de Camposancos, de O Rosal, de Loureza e de Eiras que, na actualidade, nos aportan os recursos económicos necesarios para o desenvolvemento das actividades desta Asociación.

Agradecer ás persoas voluntarias que colaboraron ao longo de todos este anos, e as  que colaboran na actualidade, desempeñando un papel fundamental xa que, dalgún xeito, conforman e complementan as tarefas e compromisos desta Asociación.

Agradecer a todas as persoas que participaron nas diferentes actividades e, en especial e con moito cariño, a todos/as os/as usuarios/as que tiveron e teñen relación con Érguete Baixo Miño.

Moitas grazas a todas e todos polos apoios prestados durante tantos anos encamiñados á prevención e promoción da saúde, diminuíndo as consecuencias e problemáticas relacionadas cos consumos aditivos, tanto no ámbito persoal, familiar coma social. Esperamos seguir, polo menos, mentres sexa útil e necesaria a nosa labor na Comarca do Baixo Miño.

A Xunta Directiva da Asociación Érguete Baixo Miño.